A polémica xerada nos últimos meses entre a asociación ecoloxista Fapas e a Xunta de Galicia polo anelaxe dunha ave na ría de Ribadeo non é simplemente un conflito administrativo, senón que, ademais, se converteu nun dos actos máis criticados polos ornitólogos galegos ó considerar a meirande parte deles que se trata máis dunha acción en termos de "lavado de imaxe" que dunha iniciativa ecolóxica ou de estudo desta especie, a aguia peixeira.
Óscar Rivas, presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía (OSG), explica a Galicia Ambiental que a polémica xurdiu a raíz dun "suposto" proxecto de reintrodución da aguia peixeira (Pandion haliaetus) na Costa Cantábrica, ó que se adscribe a marcaxe de exemplares invernantes da especie. Os feitos remóntanse ó pasado mes de febreiro cando dita asociación levou a cabo na ría do Eo a captura do primeiro exemplar de aguia pesqueira que se atopaba nesta zona, procedendo á súa marcaxe e anelaxe coa fin de coñecer os lugares que ocupaba e os pormenores da súa estadía nesta zona fronteiriza entre Asturias e Galicia.
Rivas sinala que a oposición dos ornitólogos da comunidade non é contra a marcaxe en si mesma, senón que o que critican é "a propaganda e a falla de rigor que envolven ó suposto proxecto de reintrodución da aguia peixeira na franxa Cantábrica". En primeiro lugar, sinala que non está demostrado que a especie teña sido un reprodutor da zona nunha época recente e que "a marcaxe deste individuo nada ten que ver coa reintrodución". Á súa vez aclara que lle parece ben "que se poida marcar un exemplar para estudar os seus movementos e outras cuestións da súa bioloxía, pero esto non é reintroducir unha especie", pois "un proxecto de reintrodución ten un protocolo claro, tal e como marcan as directrices da UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza)".
En definitiva, para a SGO unicamente por capturar unha especie e dotala dun transmisor ou por colocar plataformas artificiais para favorecer a súa hipotética reprodución non se está reintroducindo. En tal caso, "se tes a sorte de que empreguen algunha destas plataformas estás favorecendo a colonización ou recolonización, se se demostra que aniñou noutra época", explica.
Ademais de ter que cumprir uns obxectivos claros, a marcaxe de calquera especie de avifauna debe de seguir unhas pautas e uns protocolos científicos de actuación, determinados polos distintos organismos e administracións con competencias neste ámbito e debe ser levado a cabo co "máximo rigor científico", tal e como debe de realizarse con calquera proxecto de estudo e conservación da natureza. Contar co asesoramento de especialistas na materia e estar en posesión de todos os permisos e autorizacións pertinentes son premisas básicas para calquera iniciativa deste tipo. Todo estudo ou proxecto que se faga sen cumprir estas premisas infrinxe a lei e, ademais, está a incorrer no risco de que o resultado final sexa o contrario ó esperado, non acadándose os obxectivos de conservación propostos nun principio.
No caso concreto da marcaxe da aguia peixeira de Ribadeo, o presidente da SGO opina que "parece que actuaron especialistas na materia e que os protocolos científicos si se seguiron, aínda que houbo algunha polémica polo tema dos permisos". Por iso, como voceiro da sociedade que lidera afirma: "Non entramos a valorar a marcaxe en si, senón todo o fenómeno mediático que xorde a partires disto. Trátase de vender como introdución ou reintrodución algo que non o é. Ademais, fálase de incremento do patrimonio biolóxico da franxa cantábrica, cando marcar un ave non ten que ver con isto e, sobre todo, cando a empresa que patrocina o proxecto (ENCE) é a máxima responsable da maior catástrofe ambiental que sofre a zona: a eucaliptización".
Lavado de imaxe
Cada vez máis, as empresas teñen a necesidade de amosar que a súa existencia non se limita á fabricación ou venda de bens e servizos, senón que tamén teñen un fin social, de contribución á mellora da calidade de vida e do contorno no que traballan. Considérase un xeito de gañar credibilidade ante os seus públicos para que, finalmente, se materialice nunha maior rendibilidade económica. O medio ambiente e o ecoloxismo son algúns dos ámbitos preferidos por moitas delas para este fin. O caso do que estamos a falar é só un exemplo dos moitos que hoxe abundan.
Rivas explica que, dende a súa perspectiva, "no caso do Fapas simplemente buscan dar propaganda ó seu proxecto e, ademais, satisfacer ós patrocinadores". E afirma: "O que me causa máis reparos deste asunto é a falta de rigor na información do proxecto e a complicidade cunha empresa coma ENCE, que é responsable da degradación ambiental da franxa cantábrica". Sen embargo, sinala que isto non quere dicir que non se poidan recibir fondos deste tipo de empresas. "Estas compañías deben aportar fondos para a conservación dentro da súa política de RSC (Responsabilidade Social Corporativa), pero iso non significa que se lles teña que facer propaganda ou lavado de imaxe", aclara.
Segundo o presidente da SGO, cada un destes axentes debe cumprir o seu papel na sociedade. Así, Ence, unha empresa cunha actividade legal de grande impacto ambiental pero que, en parte, é necesaria (todos utilizamos papel), ten como parte da súa política de RSC apoiar certos proxectos ambientais. "Isto non converte a súa actividade en máis sostible nin en máis respectuosa co medio", di. Por outro lado, afirma que Fapas, como entidade conservacionista, utiliza estes fondos para desenvolver os seus proxectos pero iso non a obriga a que lle teña que "lavar a imaxe" ou deixar de obviar certos impactos desta compañía. "As empresas sempre buscan ese chamado lavado de imaxe", continúa, "e nun mundo no que domina o capitalismo exacerbado isto é ata lóxico, pero o problema está en onde poñemos o límite".
Con todos os datos aportados, Óscar Rivas argumenta a súa disconformidade coa actuación realizada polo Fapas e anuncia: "Dende a SGO seguirán a criticarse as actuacións que consideremos pouco rigurosas e carentes duns principios mínimos no relativo á conservación das aves e da natureza en xeral".
|