IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Opinión

 

Firma Invitada

BIOCOMBUSTIBLES: UN ELEVADO POTENCIAL DE DESENVOLVEMENTO POR APROVEITAR

Eliseo Diéguez García. Director do INEGA    ------    10-12-2009

 

Os biocombustibles son aqueles combustibles producidos a partir da biomasa, entendida como a materia orgánica biodegradable procedente de cultivos enerxéticos e residuos agrícolas, forestais, industriais e urbanos. Dentro dos biocombustibles, na actualidade pode salientarse a importancia do biodiesel e do bioetanol, cuxa aplicación principal é a automoción, o que lles confire un elevado potencial de desenvolvemento nos vindeiros anos.

 

VANTAXES

Entre os beneficios ambientais destacan particularmente a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), a diminución da contaminación atmosférica e a mellora da eficiencia enerxética no ciclo de vida respecto aos combustibles tradicionais.

Dada a súa orixe vexetal, estes combustibles son biodegradables, o que supón unha vantaxe ambiental en caso de verteduras accidentais. En canto ás emisións producidas na combustión dos motores, o seu baixo contido en xofre, diminúe considerablemente as emisións de SOx (óxidos de xofre) causantes da chuvia ácida.


As emisións de dióxido de carbono (CO2) son menores que as dos gasoléos e gasolinas convencionais e, ademais, son emisións neutras no ciclo de CO2, xa que as plantas con que se fabrican estes biocombustibles absorben durante o seu crecemento o mesmo CO2  expulsado durante o uso do vehículo (ciclo pechado de CO2).

Á parte dos beneficios ambientais, o desenvolvemento dun mercado e dunha industria sólida de biocarburantes pode supor unha serie de beneficios sociais e económicos, entre os que destacan a redución da dependencia enerxética, o aumento da diversificación de subministración, a mellora da balanza comercial (substitución de combustible fósil importado) e un impulso en favor do sector agrícola (creación de emprego, tanto no sector agrario, na fabricación e aprovisionamento de biocarburante autóctono, así como na reutilización de terreos agrícolas abandonados) .

 

BIODIESEL

O biodiesel é un combustible de orixe vexetal para utilización en automoción como substituto do gasóleo. Obtense a partir da reacción cun alcohol de aceites vexetais a partir de plantas oleaxinosas (colza, soia, xirasol, palma...), graxas animais ou  aceites vexetais usados. Neste último caso, co uso de aceites reciclados, non só valorizamos un residuo, senón que ao evitar a súa vertedura, salvagarda a contaminación das augas subterráneas, fluviais e mariñas.

Polas súas características e propiedades o biodiesel pode ser utilizado en motores diésel, comercializándose en España en estado puro ou en mesturas con gasóleo entre o 10% e o 30%.

 

BIOETANOL

 

O bioetanol é un alcohol de orixe vexetal. Este carburante líquido fabrícase a partir de materias ricas en azúcar ou en amidón como, por exemplo, a remolacha, a cana de azúcar e os cereais. O desenvolvemento de enzimas avanzadas permitirá, ademais, a súa obtención a partir de material lignocelulósico.

 

Dadas as súas propiedades químicas pode substituír ou mesturarse con gasolinas de orixe fósil de dúas formas:

 

Como combustible para automoción, tanto en estado practicamente puro como mesturado en diferentes porcentaxes con gasolina de 95 octanos (E5, E10, E85). É utilizable en automóbiles, e nalgúns países tamén se utiliza en autobuses e vehículos industriais.

 

Como aditivo para as gasolinas tradicionais en forma de EtilTerButilEter (ETBE). É o substituto do chumbo utilizado anteriormente nas gasolinas.

Actualmente en Europa, existe unha ampla gama de vehículos que poden funcionar con mesturas de bioetanol entre un 5-15%. Non obstante, en canto á validez da garantía do vehículo, hai grandes diferenzas entre os fabricantes.

 

GALICIA

 

No referente á comunidade autónoma de Galicia, desde finais de 2002 está funcionando a planta de Bioetanol Galicia, S.A., que posúe o Grupo Abengoa no Concello de Curtis. Esta planta produce etanol a partir de cereal, materia prima principal, e alcohol vínico cunha capacidade de produción de 135.000 toneladas anuais (aproximadamente 86,5 toneladas equivalentes de petróleo/ano).

 

Recentemente, no ano 2009 inauguráronse plantas de biodiesel en  Ferrol  (Entabán e Infinita Renovables), Begonte (Bgal), Cerceda (Egal) totalizando unha capacidade de produción máxima en torno ás 500.000 toneladas anuais.

 

POTENCIAL FUTURO DE APROVEITAMENTO

Incentivar a implantación de plantas de produción de biocombustibles, especialmente daqueles que utilicen recursos autóctonos no proceso de fabricación, será un dos obxectivos prioritarios da Xunta de Galicia, a través do Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Consellería de Economía e Industria, de acordo co Plan Enerxético Estratéxico 2010-2015, actualmente en fase de elaboración.

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios