Opinión
BIOGAS, UNHA FONTE DE ENERXÍA A RENDIBILIZAR
Eliseo Dieguez García - Director do INEGA ------ 10-11-2009
As plantas de xeración con biogás constitúen unha das alternativas máis efectivas para a valorización enerxética dos residuos orgánicos. O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, é sabedor deste potencial e por esta razón queremos facer desta conxuntura unha oportunidade. Coa finalidade de rendibilizar este tipo de enerxía estamos a apoiar dun xeito decidido o fomento das fontes renovables e, concretamente, a potenciación da produción de biogás.
Así, no programa de axudas a enerxías renovables do Inega para este ano 2009, que vimos de activar cunha dotación de preto de 6 millóns de euros, contémplase unha liña específica para o desenvolvemento de proxectos de biogás cun orzamento de 1.225.000 euros. A través destas subvencións incentívase a posta en funcionamento de instalacións de biogás cunha potencia de ata 500 kW, para ás que o Inega cobre ata o 15% do investimento, que pode chegar a alcanzar os 262.000 euros no caso de proxectos industriais de gran envergadura.
Proceso de obtención
O biogás fundaméntase nun proceso de descomposición en ausencia de osíxeno da materia orgánica mediante o que se obtén este produto, un gas formado principalmente por metano e dióxido de carbono, cun alto poder calorífico, e susceptible de ser aplicado en diversidade de usos enerxéticos.
Os principais substratos que se poden utilizar para a obtención do biogás son os residuos agrícolas e gandeiros, os cultivos enerxéticos, os residuos industriais orgánicos, as augas residuais urbanas e industrias, os lodos de depuradora, etc. Cada tipo de materia presenta diferentes potenciais de produción de biogás.
Esta tipoloxía de fonte renovable presenta múltiples utilidades enerxéticas que posibilitan a xeración de calor en caldeiras e de electricidade en motores ou turbinas, a súa utilización como combustible de automoción en vehículos adaptados especificamente ou a inxección como combustible na rede de gas, previo proceso de purificación, entre outros moitos usos.
Aplicación no sector agrogandeiro
No que atinxe ao sector agrogandeiro, de gran importancia na nosa comunidade polo potencial económico que supón, unha das aplicacións enerxéticas máis interesantes é a produción de electricidade e calor a partir dos residuos agrícolas e gandeiros, por canto supón poñer en valor as devanditas materias orgánicas e tamén pola súa transformación en produtos menos contaminantes.
Estas plantas específicas de biogás presentan unha alta eficiencia enerxética ao permitir coxenerar producindo simultaneamente calor e electricidade na mesma instalación, e podendo chegar a alcanzar rendementos globais do 70%, cun axeitado aproveitamento do calor dispoñible. Trátase dunha opción con moitas aplicacións, sobre todo, para abastecer as necesidades enerxéticas nas áreas rurais.
Pero como as ratios de produción de biogás a partir dos diferentes residuos gandeiros son baixos, en comparación con outros tipos de residuos orgánicos, cómpre ter claro que á hora de estudar a viabilidade dunha planta de biogás cuxa única fonte de produción se basea na utilización deste tipo de materiais é preciso realizar un estudio previo e detallado da densidade gandeira da zona onde se pretende emprazar a instalación para determinar a existencia de recursos suficientes, así como os custos de transportes asociados.
Neste senso a mestura de residuos gandeiros con outros de diferente natureza (agrarios, industria leiteira, conserveiras, etc.) eleva considerablemente a produción de biogás, permitindo desenvolver plantas máis eficientes con menos cantidade de residuos, feito que abre un maior abano de posibilidades de utilización desta tecnoloxía.
Desde o punto de vista medioambiental, a través da produción deste tipo de enerxía renovable evítanse as emisións contaminantes derivadas da xeración con fontes convencionais. Así estímase que coa posta en funcionamento dunha planta de 500 kW de potencia media evitaríanse, aproximadamente, a emisión de 2.000 toneladas anuais de CO2 á atmosfera.
Do mesmo xeito o biogás permite reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro derivadas da valorización enerxética da combustión de biogás, evitando e emisión directa e incontrolada ao medio do metano presente nos residuos gandeiros, co que se produce un efecto invernadoiro 20 veces superior ao CO2.
Ademais esta enerxía limpa permite a posibilidade de utilización dos subprodutos obtidos no proceso, tanto líquidos como sólidos, denominados dixestatos, como biofertilizantes compatibles coas características dos terreos agrícolas.
Polo tanto a implantación de sistemas de produción de biogás colectivos en explotacións agrogandeiras constitúe unha ocasión, merecedora de ser explotada, para a posta en práctica de sistemas de xestión integral de residuos orgánicos máis eficientes por zonas xeográficas, polos múltiples beneficios sociais, económicos e ambientais que reportarán á nosa comunidade, Galicia, cun potencial alto de residuos agrogandeiros.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






