Actualidade
CAMPAÑA PARA REDUCIR RESIDUOS EN NADAL
Tendo en conta que o Nadal representa o período do ano no que máis se dispara o índice de consumo por parte da cidadanía, non é de estrañar que tamén se erixa na época de maior xeración de residuos, que nalgúns casos pode chegar ao quilo e medio ou dous quilos por habitante e día, ocasionando serios trastornos ambientais, ademais de económicos para as maltreitas arcas locais.
Este consumo incontrolado ou mal entendido deriva nun importante derroche de recursos, enerxía e cartos. A falta de planificación nas compras, a proliferación de artigos de usar e tirar, as presas de última hora e a grande cantidade de envases e envoltorios utilizados nos innumerables regalos cos que obsequiamos aos nosos achegados, constitúen factores que provocan un preocupante incremento de lixo.
É por isto que agora, máis que nunca, faise necesario materializar unha campaña de concienciación e sensibilización ambiental destinada aos consumidores co obxectivo de que estes adopten bos hábitos que lles permitan diminuír a produción de residuos nestas datas, intentando ademais, que, unha vez interiorizados, se manteñan no tempo.
Baixo o lema, "No Nadal non agasalles residuos", a Consellería de Medio Ambiente, en colaboración con Sogama e a compañía Geseco, fará chegar á poboación sinxelos consellos cos que realizar un consumo responsable.
Así, un stand divulgativo percorrerá os sete centros comerciais máis relevantes de Galicia, informando á cidadanía sobre eses pequenos xestos cos que acadar grandes resultados. O stand comeza hoxe, no centro comercial "Dolce Vita Odeón" de Narón, o seu periplo itinerante co seguinte calendario:
- 27 e 28 de novembro: Centro Comercial "Dolce Vita Odeón" de Narón (A Coruña).
- 4 e 5 de decembro: Centros "Ponte Vella" de Ourense e "As Termas" de Lugo.
- 11 e 12 de decembro: "Vialia" de Pontevedra e "Área Central" de Santiago.
- 18 e 19 de decembro: Centros Comerciais "Gran Vía" de Vigo e "Catro Camiños" de A Coruña
O horario de atención ao público será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. Todos os que se acheguen a este punto informativo recibirán un manual didáctico, así como un imán publicitario de neveira. A intención é incentivar e fomentar a participación activa dos visitantes co fin de que aporten as súas ideas e propostas en torno á temática central da campaña.
BOAS PRÁCTICAS
10 son as consignas básicas coas que contribuír a xerar menos residuos:
1. - Planificar o consumo. Facer unha lista do que realmente se precise.
2. - Mercar con cautela, prestar atención á data de caducidade dos alimentos.
3. - Evitar os envoltorios superfluos que, ademais de provocar unha maior xeración de residuos, incrementan o prezo final do produto.
4. - Rexeitar os consumibles envasados en bandexas de plástico ou poliestireno, optando, cando sexa posible, polos produtos a granel.
5. - Prescindir dos artigos de "usar e tirar". Tal é o caso dos manteis e servilletas de papel, así como os pratos, cubertos e vasos de plástico, optando pola clásica vaixela de vidro e porcelana, e os cubertos tradicionais de aceiro e aluminio.
6. - Reducir a utilización de papel e reutilizar o de regalo para envolver obsequios novos.
7. - Dar preferencia ás botellas de vidro retornable.
8. - Adquirir artigos procedentes do contorno máis próximo, axudando desta forma a reforzar a economía local e a reducir o gasto enerxético derivado do transporte.
9. - Optar por postais navideñas elaboradas con materiais reciclados e polas felicitacións electrónicas.
10. - Apostar por xoguetes fabricados con materiais naturais e renovables (madeira, cartón, metal, lá, algodón), entregando os que se atopen fóra de uso a nenos/as sen recursos.
Ademais, aproveitarase a ocasión para incidir igualmente na axeitada recollida selectiva en orixe, facendo fincapé nas distintas tipoloxías de residuos a depositar en cada contedor, recordando que no amarelo deben depositarse envases de plástico, latas e briks; no azul, o papel e cartón; no iglú verde, os botes, tarros e botellas de vidro sen tapóns; e no xenérico, a fracción resto ou materiais non reciclables.
Con estas sinxelas medidas, non só estaremos a axudar a protexer o medio ambiente e o tan prezado patrimonio natural de Galicia, senón que, de forma paralela, propiciaremos que os Concellos minimicen o custo económico que trae consigo a xestión e tratamento dos residuos urbanos, incrementando as porcentaxes de reciclado e ingresos procedentes dos Sistemas Integrados de Xestión.
O material didáctico relativo a esta iniciativa farase chegar tamén, en soporte dixital, aos centros escolares de primaria e secundaria, universidades e asociacións. Para máis información www.sogama.es
A CORRESPONSABILIDADE, PIAR DESTA INICIATIVA
A responsabilidade compartida constitúe a clave do éxito de calquera programa de concienciación social e por isto dende a Consellería de Medio Ambiente apelarase en todo momento á cooperación cidadá como piar fundamental, xunto co apoio da Administración, as empresas e as institucións, na consecución do grande reto que supón na actualidade, e máis nos países avanzados, a produción de menos residuos. A clave é gozar destas festas, pero dunha forma sostible.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






