IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Actualidade

O DOG PUBLICA O DECRETO POLO QUE SE DECLARA A ZONA DE ESPECIAL PROTECCIÓN DE AVES DA LIMIA

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o Decreto da Consellería do Medio Rural polo que se declara a Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) da Limia, no sur leste da provincia de Ourense. A declaración deste espazo natural como ZEPA leva a súa inclusión directa na rede Natura 2000, co compromiso de establecer medidas de conservación adecuadas para evitar o deterioro dos hábitats destas aves que viven en estado silvestre. Ao tempo, respectaranse os usos agrarios tradicionais da comarca.

 

Por medio da Resolución de 11 de xullo de 2007, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, someteuse a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto de declaración de zona de especial protección das aves de 10.383 hectáreas da comarca da Limia. Formuláronse 6.263 alegacións, e tras seren analizadas e contestadas, optouse por aceptar parcialmente as alegacións e realizar un axuste na súa delimitación.

 

Área periférica

Con estes novos límites, a superficie total da ZEPA “A Limia” será de 6.939 hectáreas, cunha zona periférica de protección de 7.558,6 hectáreas. Esta área periférica está destinada a minimizar impactos sobre os hábitats das especies mediante a aplicación e o fomento de medidas agroambientais e prácticas orientadoras que favorezan a súa conservación.

 

A declaración do espazo natural da Limia como zona de especial protección para as aves ten por finalidade a protección e conservación do hábitat das aves que viven nesta zona, así como das demais especies migratorias de presenza regular. Preténdese, desta forma, protexer os enclaves de reprodución, muda, invernada e descanso relativa á conservación das aves silvestres.

 

Rede ZEPA en Galicia

A rede de zonas de especiais protección das aves de Galicia está composta por 15 lugares que alcanzan unha superficie total de 94.089 hectáreas. Na actualidade, a Limia presenta unha paisaxe eminentemente agrícola e escasamente forestada, na que dominan os cultivos cerealeiros de secano. Dadas estas condicións, a Consellería do Medio Rural quere insistir, unha vez máis, en que se respectarán os usos agrarios tradicionais deste territorio.   

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios