IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Actualidade

PUBLICADA A MEMORIA DE SUSTENTABILIDADE DE SOGAMA

 

No que foi cualificado por SOGAMA como "un exercicio de transparencia informativa e compromiso coa poboación galega en xeral, e cos grupos de interese en particular", Sogama fixo pública a Memoria de Sostibilidade correspondente ao ano 2008, elaborada seguindo os criterios do GRI (Global Reporting Initiative), e validada e verificada por AENOR coa máxima cualificación A+, o que acredita o seu grao de transparencia informativa. O contido da mesma pode ser consultado a través da páxina web corporativa www.sogama.es.

 

Este documento recolle as actuacións máis relevantes da entidade durante o pasado ano, tanto dende a dimensión industrial como económica, social e ambiental, constituíndo o punto de arranque dun proxecto de empresa cara o cal a actual Dirección, da man da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, encamiña os seus esforzos, perseguindo a consecución dun obxectivo que considera fundamental e que dota de sentido á existencia desta Sociedade: a xestión racional e sostible dos residuos urbanos producidos no territorio galego, prestando o mellor servizo público á cidadanía da nosa Comunidade.

 

O actual presidente de Sogama, Luis Lamas Novo, introduce esta Memoria cunha carta na que manifesta, a grandes trazos, as principais áreas de traballo deseñadas para os próximos meses, insistindo na prevención e redución da produción de residuos por parte dos Concellos como piar básico na xestión desta entidade. Así mesmo, aposta firmemente pola modernización das instalacións e a incorporación das tecnoloxías máis novidosas que permitan incrementar a porcentaxe de material destinado a reciclado, maximizando a eficiencia do tratamento final ao que son sometidos os RU e minimizando o impacto ambiental da súa actividade sobre o contorno.

 

O maior achegamento á cidadanía, estreitando as súas relacións coas Administracións locais e mantendo un diálogo fluído con estas, constitúe outra das actuacións a levar a cabo, que se verán reforzadas coas campañas de concienciación e sensibilización ambiental, esenciais para conseguir a tan importante implicación dos distintos colectivos na solución dun problema xerado por todos e cada un de nós, e no que, de forma responsable, tamén debemos tomar parte.

 

Tal e como manifesta Luis Lamas "Estou seguro de que durante o 2008 se realizaron actividades que pagan a pena e que, por suposto, reforzaremos e consolidaremos. Pero tamén é evidente que moitas outras terán que ser revisadas e adaptads ás novas prioridades da política ambiental da Xunta de Galicia procedendo, tal e como se veu facendo durante os últimos meses, á aplicación de medidas correctoras, sendo o vertedoiro de Areosa o exemplo máis palpable disto,", engadindo que "os resultados da auditoría realizada sobre esta instalación tras a toma de posesión do actual goberno autonómico foron demoledores, e por iso estamos a concentrar a maior parte da nosa enerxía, humana, técnica e económica, en dar unha solución ás deficiencias detectadas".

 

PRINCIPAIS ACTUACIÓNS DESENVOLVIDAS NAS DISTINTAS ÁREAS

 

A nivel económico, e cunha cifra de negocio de 91.655.943 euros, a Sociedade alcanzou no exercicio do 2008 uns beneficios de aproximadamente 5 millóns de euros. Non obstante, e á vista dos importantes investimentos que deben ser acometidos para mellorar a súa xestión, a Xunta Xeral de Accionistas, a instancia da Xunta de Galicia, socio maioritario en Sogama cun 51 por cento, acordou o pasado mes de xuño non proceder ao reparto de dividendos, invertendo os beneficios obtidos en melloras ambientais, prestando especial atención ao vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa.

 

Dende a perspectiva industrial, a automatización da Planta de Clasificación de Envases Lixeiros permitiu incrementar a eficiencia da mesma, así como a cantidade e calidade de materiais procedentes da recollida selectiva da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), e que son destinados aos centros recicladores para a súa transformación en novos produtos. Lectores ópticos, campás aspiradoras, electroimáns e correntes de foucault constitúen os mecanismos que permiten separar os materiais por tipoloxías, mellorando ao mesmo tempo as condicións laborais dos operarios/as, que de realizar un traballo manual, pasaron a levar a cabo un mero control de calidade.

 

Xa no apartado de persoal, quíxose insistir na diferenciación entre o equipo propio de Sogama, conformado por 24 traballadores/as, e o vinculado a empresas contratistas, que, no caso do Complexo Medioambiental de Cerceda, ascende a 359 operarios/as, e no das plantas de transferencia a 43, facendo un total de 402. A esta cifra habería que sumar as contratacións formalizadas especificamente con motivo da parada mecánica do Complexo, e que habitualmente ten lugar no mes de maio, procedendo aos labores de mantemento, revisións e limpeza en xeral co obxecto de minimizar posibles incidencias durante o resto do ano. No 2008, un total de 640 traballadores/as prestaron servizos para a entidade durante ese período.

 

Neste escenario, Sogama considerou convinte proceder á creación de dúas novas figuras no seu organigrama directo: a Xefatura de Relacións Laborais, Formación e Prevención, cuxa función é a de servir de nexo de unión entre a Sociedade e as contratistas, axilizando os fluxos de información entre estas e constituíndo unha nova canle de comunicación entre os traballadores/as e as súas empresas, así como a de Técnico Superior de Prevención.

 

A nivel corporativo, e tomando como referencia a nova Lei 30/2007 de Contratos do Sector Público, a Sociedade instaurou un Manual de Contratación Verde, incluíndo neste as denominadas compras verdes, nas que, dependendo do tipo de contrato, consideran determinados requirimentos tales como os tipos de material utilizados (reutilizables ou reciclados), a elección dun procedemento concreto de produción e a selección de produtos máis respectuosos co medio ambiente. Así mesmo, o Manual incorpora o principio de igualdade de oportunidades, valorando a aposta das empresas contratistas pola instauración de plans de igualdade e o apoio á inserción laboral de persoas con discapacidade ou pertencentes a colectivos desfavorecidos.

 

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios