IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Actualidade

OS GALEGOS ESTAMOS POR DEBAIXO DA MEDIA ESPAÑOLA EN RECICLAXE DE ENVASES

En Galicia recicláronse máis de 51.000 toneladas de envases lixeiros e papel-cartón durante o ano pasado.

 

Cada galego deposita unha media de 9,2 kg. de residuos ó ano nos contedores amarelos, correspondentes a envases lixeiros (plásticos, briks, latas…), e de 10 kilos se nos referimos e papel e cartón depositado nos contadores de cor azul. Estas cifras sitúan á comunidade galega un pouco por debaixo da media española no que se refire a reciclaxe de envases, segundo os datos facilitados por Ecoembes, a sociedade encargada do deseño e a organización do Sistema Integrado de Xestión de residuos de envases para o seu posterior tratamento, reciclado e valorización.

 

En canto ós datos de reciclaxe, en Galicia tratáronse o ano pasado un total de 51.316 toneladas de residuos de envases lixeiros e papel e cartón, o que supón un aumento de case 2.000 toneladas de rexeitamentos con respeto á ano anterior. Por materiais, o papel e o cartón seguen a ser os residuos máis reciclados na nosa comunidade cun total de 26.409 toneladas ó longo de 2008, seguido dos metais, con 15.621 toneladas recicladas, e dos plásticos, con 9.286 toneladas tratadas por Ecoembes.

 

Neste ámbito rexístrase un dos maiores problemas á hora de reciclar. E é que entre os envases lixeiros deposítanse outro tipo de rexeitamentos, denominados impropios (vidro, roupa, restos de comida, papel e cartón…) que contaminan e dificultan a reciclaxe. Un dos obxectivos de Ecoembes é conseguir reducir esa porcentaxe de impropios, que en Galicia está arredor do 33%, achegándoa á media española, situada no 25%.

 

Segundo os datos facilitados por Ecoembes, en España recuperáronse durante o pasado ano 1.328.747 toneladas de envases lixeiros, das que 1.229.636 foron recicladas e 99.111 valorizadas enerxéticamente, o que supón un 67% do total dos envases postos no mercado polas empresas adheridas ó sistema de Ecoembes. Por tipos de material, durante o 2008 recicláronse 289.823 toneladas de envases de plástico, 249.950 de metais e 688.311 de papel e cartón.

 

Os problemas da reciclaxe en Galicia

 

Aínda que os datos en Galicia van mellorando ano a ano (hoxe en día recíclanse na comunidade case 7.500 toneladas máis de rexeitamentos que no ano 2005, cando a cifra se situaba nas 43.891 toneladas de lixo tratado), o aumento dos hábitos de reciclaxe en Galicia aínda se atopa bastante por debaixo do de outras comunidades españolas e do da media nacional.

 

Segundo aseguran dende as empresas adicadas a xestión de residuos consultadas por Galicia Ambiental, a nosa comunidad conta con tres factores fundamentais que dificultan a reciclaxe: a dispersión poboacional, a baixa contenerización e a recepción de información contradictoria ofrecida nas diferentes campañas informativas sobre reciclaxe.

 

Os dous primeiros factores están altamente relacionados entre sí e son fundamentais para un mellor funcionamento do sistema de recollida e reciclaxe dos residuos. O alto índice de dispersión da poboación na comunidade galega dificulta a recollida selectiva e a reciclaxe, sobre todo nos núcleos rurais, onde é característico este fenómeno. A falta de concentración poboacional fai que se incrementen os custes de contenerización ó ser necesarios moitos máis contederos para dar servizo ós cidadáns. En Galicia seguen a faltar contedores amarelos e azuis para a reciclaxe de plásticos e papel en moitos núcleos rurais nos que habita unha ampla porcentaxe da poboación.

 

O terceiro e último problema da reciclaxe na nosa comunidade radica nas diferentes mensaxes que se transmiten ós cidadáns a través das campañas de sensibilización para promover a reciclaxe. En Galicia existen tres sistemas para a xestión e tratamento dos residuos que funcionan de xeito diferente.

 

Mentras que na maioría de concellos galegos, que envían o lixo á planta de SOGAMA en Cerceda, os envases lixeiros e o papel-cartón teñen contedores propios (amarelo e azul, respectivamente) nos que desfacerse deste tipo de residuos mediante a separación, na área da Coruña (planta de Nostián) e na mancomunidade do Barbanza (planta de Lousame) a separación dos residuos divídese en orgánicos e inorgánicos, onde os envases lixeiros e o papel-cartón se mesturan con outro tipo de rexeitamentos para seleccionarse en destino mediante a súa extracción selectiva.

 

A recepción de diferentes mensaxes, nalgúns casos contradictorios, sobre a separación dos residuos segundo a súa procedencia dependendo dos lugares de residencia provoca, nalgúns casos, a desinformación do cidadán repercutindo directa e negativamente nos datos de recollida e porcentaxe de reciclaxe.

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios