Actualidade
A CHEGADA DA TDT DISPARA A RECICLAXE DE TELEVISORES
O pasado ano produciuse un aumento do 54% en relación ás cifras de 2007. Galicia carece dun centro de tratamento específico para este tipo de residuos
O 3 de abril de 2010 é a data fixada para que a televisión analóxica deixe de funcionar en España, abrindo paso ó novo sistema de televisión dixital terrestre (TDT) e, con ela, a novos televisores que melloren a calidade da imaxe e o son e que incorporen avances técnicos que permitan un maior aproveitamento desta nova tecnoloxía.
Os aparatos electrónicos en xeral, e as televisións en particular, xeran unha importante cantidade de residuos ó ano que deben de recibir un tratamento axeitado, primando a revalorización e a reciclaxe dos seus compoñentes, algúns deles altamente contaminantes.
Por este motivo, nos próximos meses deberemos de afrontar un reto importante en materia de xestión de residuos: facer fronte a todo o parque de televisores que se sustituirán por novos aparatos de pantalla plana, compatibles coa TDT. Trátase dunha importante fonte de residuos electrónicos que será necesario tratar de forma axeitada para evitar que a chegada da televisión dixital terrestre supoña un desastre ambiental.
Ciclo de reciclaxe dunha TV
Os televisores son aparatos reciclables prácticamente ó cen por cen, permitindo a recuperación de vidro, plástico e diversos metais. O gran número de televisores vellos dos que se desfarán os españois nestes próximos meses convertiranse en novos materiais que se empregarán para a fabricación doutros productos.
O ciclo comeza cando o cidadán decide desfacerse da tele ou cambiala por outra nova, que ben é recollida no propio establecemento comercial ou ben é o usuario o que deposita o vello aparato nos puntos limpos habilitados en case todos os concellos con este fin. Unha vez se produce este primeiro paso, os televisores chegan ás prantas especializadas de reciclaxe onde comeza o proceso en sí.
O primeiro paso é o de desmontar todo o equipo, un proceso que se realiza a man, desprendendo primeiro a carcasa, que soe ser de plástico, aínda que ás veces pode levar algún compoñente de madeira. Despois, procédese á retirada dos paneis dos circuitos para a recuperación dos metais que conteñen, principalmente, cobre e aluminio.
Unha vez feito iso, procédese á separación da pantalla para retirar a chapa de ferro. A este séguelle o tubo de raios catódicos, que se descompón en dúas partes; polo lado plano, aspírase o fósforo, mentras que o resto, que contén chumbo, destinarase á fabricación de fornos, vitrocerámicas, etc. O último en extraerse son os metais férricos (ferro, aceiro…).
Arredor do 80% dos aparatos de televisión é vidro, que unha vez separado poderase empregar noutras aplicacións, como por exemplo na fabricación de novas pantallas. O 20% restante, correspondente a plásticos e metais, que se empregaran como materia prima para a fabricación de envases, menaxe do fogar, etc. Desta forma, case o 100% dos vellos televisores se convirte en materiais reciclados.
As cifras da reciclaxe
O pasado ano o número de televisores reciclados en España medrou un 54% en relación ás cifras do 2007, chegando ás 9.770 toneladas de residuos derivados destes aparatos electrónicos, segundo os datos de Ecotic, o maior ente de reciclaxe de teles en España. Segundo esta mesma empresa, na comunidade galega recolléronse no 2008 521.359 kilos de televisores, o que suporía unha media de 0.188 kg. por habitante. Os datos facilitados por Ecolec, outra das fundacións que operan en Galicia con esta finalidade, falan dun total de 16.825 kg de televisores recollidos na nosa comunidade durante o pasado ano, mentres que a cifra total dos residuos tratados por Ecolec no conxunto do estado se situou en 1.666.168,11 kg. A terceira empresa encargada da xestión deste tipo de residuos con autorización para operar en Galicia, ERP, apunta que na comunidade se recolleron o pasado ano 724 kg. de pantallas (nas que tamén se engloban os monitores de ordenadores), mentras que a cifra de residuos recollidos por este SIX no conxunto do estado ascende a 2.269.679 kilos.
O aumento deste tipo de residuos responde ós cambios que se están a producir nos últimos anos no mercado televisivo, tanto a nivel de aparatos receptores como nos modelos de recepción do sinal. As novas televisións de plasma están a sustituir ós vellos aparatos de tubo, aínda que segundo as cifras de Ecotic, o 70% dos fogares españois aínda contan con televisores de tubo que son máis contaminantes que os de teconoloxía LCD, con altas porcentaxes de chumbo e fósforos e outros elementos como cadmios e plásticos inflamables, e non están adaptados para a recepción da Televisión Dixital Terrestre (TDT).
O Plan Nacional de Transición para a TDT fixaba que ó longo deste ano se fosen producindo apagóns analóxicos en diferentes zonas de España conforme fose aumentando a cobertura de TDT. Segundo as previsións, o día 30 deste mes, máis de cinco millóns de españois (todos os concellos cunha población inferior a 500.000 habitantes, entre eles boa parte dos galegos) deixarían de ver a televisión tradicional para poder desfrutar xa das vantaxes que ofrece o novo sistema. Sen embargo, aínda quedan lagoas neste plan e dos 1.200 municipios que deberían dar o salto á TDT só o farán 500, principalmente por falta de cobertura ou porque os repetidores locais necesarios aínda non foron instalados.
En Galicia, arredor de 60 concellos que deberían de comezar a recibir só a TDT a finais de xuño non poderán cumplir os prazo e a data na que o apagón se producirá aínda non se coñece, pero o que está claro é que non será máis alá do 3 de abril de 2010, data fixada para o encendido dixital definitivo. Con este motivo, as previsións dos xestores dos sistemas de reciclaxe de televisións apuntan a que nos próximos meses continúe a tendencia de aumento na reciclaxe destes aparatos. Segundo os datos que manexa Ecotic, as previsións en Galicia para o ano 2009 sitúanse en 584.715 kg de residuos. Dende ERP esperan que neste ano se traten en España máis de 3.000.000 de kilos de televisores vellos, ó igual que prevén que na comunidade galega tamén se incremente notablemente a cantidade de residuos durante 2009, despois de ter firmado o pasado mes de marzo o convenio marco que “axilizará e fará medrar estas recollidas”, afirman dende a empresa.
Os sistemas de xestión integrados
En España existen varias empresa encargadas da xestión de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE). Ecotic, Ecolec ou ERP-SAS son algúns deles, que tamén operan na comunidade galega. Estas empresas son sistemas integrados de xestión (SIX) que contan coas autorizacións necesarias que garantizan o axeitado tratamento para este tipo de residuos.
Pero ó contrario do que sucede noutros campos, como os residuos fitosanitarios ou os derivados de medicamentos, os residuos de aparatos electrónicos como os televisores son xestionados en Galicia por diferentes empresas. O problema da reciclaxe deste tipo de aparatos non é a xestión e o tratamento dos residuos por parte de diferentes entes, senón garantizar a chegada dos vellos electrodomésticos ata eses sistemas integrados de xestión (SIX).
Segundo datos da Consellería de Medio Ambiente, en Galicia xenéranse uns 10,2 kilos de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos por habitante e ano (en 2015 serán 12,5 kilos), o que ascendeu a un total de 28.629 toneladas en 2008. A Coruña é a provincia que máis toneladas de residuos xenera, seguida de Pontevedra, Ourense e Lugo, en último lugar. Pero unha parte desta cantidade aínda segue a ser abandonada en vertedoiros incontrolados ou olvidados en trasteiros e sotos de moitas casas convertíndose en foco de contaminación.
A falta de infraestructuras necesarias para o correcto tratamento e recuperación dos residuos derivados de televisores en Galicia, fai que os datos de reciclaxe non sexan todo o positivos que deberan ser. Algúns dos concellos da comunidade aínda non contan con puntos limpos habilitados para a recollida deste tipo de enseres e noutros tantos, os aparatos electrónicos como televisores (que teñen componentes altamente contaminantes) mestúranse con outros de diferente índole dificultando así a súa reciclaxe.
Ademais, a comunidade galega non conta con ningún centro de tratamento íntegro deste tipo de aparatos, denominados de liña marrón, onde se inclúen televisións, videos, móviles, etc. A planta de Cerceda, xestionada pola empresa Cespa, que sí se encarga do tratamento dos electrodomésticos de liña branca (neveiras, lavadoras, lavavaixelas,…) so funciona como xestor intermedio (ó igual que outras compañías galegas) con estes outros aparatos. Deste xeito, os residuos electrónicos producidos polos galegos deben de ser trasladados a outras comunidades para o seu correcto tratamento.
Hai algo menos dun ano, a Xunta decidía modificar a autorización pública concedida á empresa xestora de pranta de Cerceda para que ampliase as súas instalacións co fin de acoller e tratar este tipo de residuos e comezar a prestar así este servizo dentro da comunidade. Pero case un ano despois aínda non se coñece cando entrará en funcionamento este novo servizo que permitiría que Galicia dese un paso máis na xestión de residuos e na protección do medio ambiente, nun momento especialmente delicado en canto á xeración de residuos electrónicos, principalmente producidos polo cambio do parque de televisores con motivo da inminente entrada en funcionamento da televisión dixital terrestre.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






