IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Actualidade

ESPAÑA SUPEROU OS 3.200 MW DE POTENCIA FOTOVOLTAICA INSTALADA DURANTE O 2008

En Galicia acadáronse os oito megavatios de potencia no pasado ano

 

Segundo os últimos datos aportados pola Comisión Nacional da Enerxía (CNE), a potencia fotovoltaica instalada no noso país durante o  ano 2008 elevouse a un total de 3.204 megavatios. Así o sinalan as cifras oficiais coas que se pechou definitivamente o pasado ano, aínda que de producirse algunha pequena variación explicitaríase na próxima estadística sobre as ventas de enerxía en réxime especial.

 

En canto os datos por comunidades autónomas, Galicia sitúase en penúltimo lugar con 8 MW instalados, só por diante de Cantabria, con 2 MW. Á cabeza desta lista atópase Castela-A Mancha con 800 MW. Séguenlle, por esta orde, Andalucía (472 MW),  Extremadura (399 MW), Castela e León (328 MW), Murcia (283 MW), Comunidade Valenciana (221 MW), Cataluña (167 MW), Navarra (157 MW), Aragón (116 MW), Canarias (90 MW),  A Rioxa (78 MW), Baleares (44 MW), Madrid (23 MW), País Vasco (16 MW), Galicia (8 MW) e Cantabria (2 MW), como xa explicamos. Unicamente Asturias, Ceuta e Melilla non rexistraron no pasado exercicio novas instalacións solares.

 

Esta cifra situou a España como o motor fotovoltaico a nivel mundial cun crecemento que foi imposible de seguir por ningún outro país, nin sequera por fortes potencias do sector como Alemaña. Este incremento ten o seu orixe na carreira emprendida por moitos promotores solares para acabar as obras nos seus parques antes da derogación do Real Decreto 661/2007 polo que se obtiñan 45 céntimos de euro por kWh. A entrada en vigor do novo RD 1578/2008 representa un beneficio de entre 32 e 34 céntimos de euro por kWh.

 

A curva de enerxía vendida durante 2008 presenta os picos máis altos durante os meses de verán, non só por ser esta a época do ano de maior irradiación solar, senón que tamén responde á posta en marcha de moitas instalacións arredor do 29 de setembro, data límite para que as plantas solares se pudiesen acoller ó RD 661. Así, o mes no que se vendeu máis enerxía foi setembro con 316 GWh, seguido de outubro con 309 GWh. A estes dous seguíronlle novembro (289 GWh), agosto (296 GWh), xullo (240 GWh), xuño (196 GWh), decembro (175 GWh), maio (139 GWh), abril (129 GWh), marzo (110 GWh), febreiro 75 (GWh) e xaneiro 61 (GWh).

 

Os datos oficiais da CNE  sitúan a potencia fotovoltaica en 3.204 MW distribuidos en 48.581 instalacións que inxectaron á rede 2.335 GWh eléctricos. Esa xeneración de enerxía supuxo unha retribución de máis de 1.000 millóns de euros con unha percepción media de 45,306 céntimos de euro por kWh.

 

En canto ós primeiros meses de 2009, os datos publicados pola CNE confirman a inxección á rede de 115 GWh de electricidade procedente de parques solares durante o mes de xaneiro. Esto suporía unha potencia equivalente de 4.528 MW, segundo as estimacións realizadas pola Comisión tendo en conta o ritmo de instalación dos últimos nove meses. Esos 4.528 MW significarían ter superadool obxetivo de potencia (371 MW) nun 1.220%.

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios