Actualidade
ADXUDICADO O SERVIZO DE VIXIANCIA AMBIENTAL DO COMPLEXO DE SOGAMA EN CERCEDA
A Sociedade Galega do Medio Ambiente vén de adxudicar á empresa Eptisa, Servizos de Enxeñaría, S.L, por un importe de 363.906,02 euros o servizo correspondente ás labores de vixiancia e control ambiental da súa infraestrutura industrial, incluíndo no mesmo o vertedoiro de Areosa e Complexo Medioambiental de Cerceda (parcialmente), así como as 19 Plantas de Transferencia das que é titular e que se atopan distribuídas polo conxunto do territorio galego. Con esta actuación preténdese dar resposta ós requisitos recollidos na Autorización Ambiental Integrada, outorgada a esta entidade pública con data 30 de abril de 2008 pola entón Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nas Declaracións de Efectos Ambientais e de Impacto Ambiental e na lexislación vixente na materia, ademais dos propios autocontrois establecidos pola Sociedade. No caso do vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa, as tarefas de control ambiental contemplan o apartado de vertidos (augas residuais, lixiviados e augas pluviais, superficiais e subterráneas), emisións, prestando especial atención á planta de valorización de biogás, ruídos, datos meteorolóxicos, topografía da zona e vexetación. Respecto ó Complexo Medioambiental, ademais das medicións meteorolóxicas, inclúese a caldeira e foco de desodorización da planta de tratamento de residuos animais e, en canto ás 19 Plantas de Transferencia que operan baixo a xestión directa de Sogama (Boiro, Cee, Narón, Santa Comba e Santiago de Compostela, na provincia de A Coruña; Barreiros, Becerreá, Chantada, Lugo, Monforte, Sarria e Viveiro, na provincia de Lugo; A Rúa e San Cibrao das Viñas, na de Ourense; e Porriño, Ribadumia, O Rosal, Silleda e Vigo, na provincia de Pontevedra), os estudos centraranse na análise dos efluentes das depuradoras, augas e ruídos. O contrato, que permanecerá en vigor durante tres anos, poderá ser prorrogado ata un máximo de catro.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






