Actualidade
O Partido Verde "arranca" en Galicia
Co obxectivo de presentar o proxecto do Partido Verde Galego e sentar así as bases da súa futura integración no europeo, a coportavoz do Partido Verde Europeo, Mónica Frassoni, visitará Santiago de Compostela mañá sábado, 24 de xullo, para reunirse cos membros fundadores do novo partido e ofrecer a súa visión sobre o futuro deste ente político en Galicia
Segundo a organización este partido "nace da necesidade de outorgar á política galega vías alternativas que contribúan á creación dun espazo no que encontrar metodoloxías diferentes ás actuais para afrontar a problemática ambiental e social".
Coa visita de Mónica Frassoni e a presentación do proxecto verde ultímanse os requisitos para oficializar o partido en Galicia, un partido que pretende ter unha incidencia política e social relevante nos próximos anos. Os integrantes do novo partido proceden de todo o ámbito autonómico e declaran que con este proxecto “queremos chegar á sociedade cunha mensaxe convincente, para o que debemos garantir que o partido verde en Galicia contribúa ao cambio social e ecolóxico que necesitamos”.
Mónica Frassoni. Nada en Veracruz, México, é desde octubro de 2009 copresidenta do Partido Verde europeo, formado por 32 partidos ecoloxistas. Na actualidade, o Partido Verde Europeo ten 48 eurodeputados dos que 7 son independentes. Xunto con ALE (EFA en inglés, Alianza Libre Europea) forman grupo na Eurocámara cun total de 55 eurodeputados de Greens/EFA ou Verdes/ALE.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






