IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Actualidade

O INEGA PRESENTA O PROGRAMA DE AXUDAS A PROXECTOS DE ENERXÍAS RENOVABLES PARA O ANO 2010

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, ven de presentar o programa de axudas a proxectos de enerxías renovables do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para 2010. Con esta iniciativa, que se veu reforzada cun orzamento de 4,66 millóns de euros, estímase que se poderá xerar un investimento asociado de 30 millóns de euros e impulsar proxectos orientados a evitar a emisión de 15.000 toneladas de CO2 á atmosfera.


Este programa presentado onte polo titular da Consellería de Economía e Industria enmárcase dentro da aposta estratéxica da Xunta de Galicia de aproveitamento dos recursos autóctonos mediante a implantación das enerxías renovables co fin de facer de Galicia unha comunidade líder en aproveitamento de enerxía limpas.


Javier Guerra indicou que a actual convocatoria se ten orzamentado en 4,66 millóns, o que supón un incremento do 12% con respecto á cantidade executada ó abeiro deste programa no exercicio 2009, e explicou que estas axudas abranguen a todos os sectores económicos e están dirixidas a todo tipo de beneficiarios.

 

O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 20 de setembro e as instalacións obxecto de subvención poderán executarse ata o 15 de setembro de 2011, agás na tipoloxía de biogás, cuxo prazo finaliza o 31 de decembro de 2012. As axudas poderanse tramitar de forma telemática a través do sistema posto en marcha polo Inega o exercicio anterior na dirección web www.inega.es/axudasinega2010.


Ademais, o Inega vén de editar unha guía explicativa onde se recollen as tipoloxías de axuda, así como as contías específicas e os requisitos para beneficiarse delas. O devandito folleto informativo estará dispoñible en www.inega.es.

 

Esta nova edición do programa de axudas a proxectos de enerxías renovables enmárcase dentro do grupo de accións postas en marcha pola Xunta de Galicia para acadar o reto de que o 95% da electricidade consumida na nosa comunidade no ano 2015 sexa producida por fontes renovables, suposto que se recolle nas directrices do Plan Enerxético Estratéxico de Galicia 2010-2015, que se está a elaborar.

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios