Actualidade
PRACTICAMENTE PARALIZADAS AS PLANTAS DE PRODUCCIÓN DE BIOCOMBUSTIBLES EN GALICIA
A producción de biocombustibles atópase practicamente paralizada tanto en Galicia como no conxunto de España debido a diferentes factores que se poderían resumir na falta de rendibilidade que o sector amosa no noso país. A pesar das fortes inversións realizadas no último lustro para a posta en marcha de varias plantas de producción de biodiésel e bioetanol, a maior parte das instalación existentes en Galicia viron reducida a súa actividade a un 15% de media da súa capacidade productiva total, reducindo tamén as plantillas, os gastos en proveedores e, en definitiva, a xeración de ingresos económicos nas áreas nas que se ubicaron.
A sección de Biocarburantes da Asociación de Productores de Enerxías Renovables (APPA) deu a coñecer hai uns días que o 75% das 46 fábricas de producción de boicarburantes españolas están prácticamente paradas, con un ratio medio de funcionamento do sector do 10% sobre a súa capacidade de producción, é dicir, 421.000 toneladas anuais sobre un total de 4.210.000.
Segundo os datos aportados por APPA, das 277.857 toneladas de biodiésel que se consumiron en España durante o primeiro trimestre de 2010, 101.695 (o 37%) procedían de Arxentina. Ademais, e segundo os datos oficiais do Departamento de Aduanas e Impostos Especiais, nese período entraron en territorio español un total de 166.714 toneladas de biodiésel puro, o que supón o 60% de todo o consumo de España, fronte ó 51% do trimestre anterior. A mesma asociación afirma que “casi un ano e medio despois da entrada en vigor das medidas antidumping adoptadas pola Unión Europea para frear a entrada masiva de biodiésel procedente de Estados Unidos, o mercado español volve a estar basicamente dominado por importacións desleais, agora procedentes na súa maioría de Arxentina”.
A avalancha de biodiésel procedente de Arxentina está orixinado no sistema de tasas diferenciais á exportación (TDE) que aplica o Goberno do país, que grava a exportación de aceite de soxa cunha tasa do 32% mentras que o biodiésel producido coa mesma materia prima só soporta unha tarifa do 18%. A isto hai que sumar, ademais, o inxustificado trato preferencial que a UE da ó biodiésel arxentino, exento de pagar o arancel do 6,5% aplicable con carácter xeral a toda entrada comunitaria de biodiésel.
A situación do sector en Galicia
Os mesmos problemas que existen a nivel nacional, son os que están lastrando o sector dos biocarburantes en Galicia. A nosa comunidade conta con cinco plantas de elaboarción de biocarburantes que teñen unha capacidade de producción de máis de 700.000 toneladas anuais. Na actualidade, segundo puido saber Galicia Ambiental, o funcionamento destas instalación atópasse sobre o 15% de media, un dato que reflexa a práctica paralización do sector en Galicia, ó igual que ocorre no resto de España.
A falta de transparencia que caracteriza a este colectivo galego fai difícil coñecer con exactitude cal é a situación de cada unha das plantas, aínda que en xeral, a percepción é a dun sector que se atopa en serios apuros polo seu baixo índice de productividade. Para Juan Antonio Pereira, xerente da planta de Biocarburantes Galicia en Begonte (Lugo), “o mercado non está na mellor situación. Ningunha fábrica de España está producindo ó 100% da súa capacidade”. En declaracións a este medio, Pereira afirma que as súas instalación están traballando ó 20% da súa capacidade de producción, unha situación que non achaca só ás importacións masivas de biosiésel arxentino senón tamén a outros factores como a falta de información e o descoñecemento que existe sobre os biocarburantes ou á regulación española do sector, sobre a que asegura que “aínda falta moito por andar”. A pesar do negativo da situación actual e de que o panorama non é moi halagüeño, o xerente de Biocarburantes Galicia amósase confiado no futuro: “a pesar de todo, imos mellorando”, asegura.
Unha situación similar é a que se vive na fábrica de Entabán Biocombustibles, en Ferrol. Javier Bouza, o seu director, explica a Galicia Ambiental que actualmente a planta non está producindo as 200.000 toneladas anuais de biodiesel que representan a súa capacidade productiva. “No que vai de ano, estaremos sobre un 30% desa cantidade”, afirma. Preguntado polas causas desta paralización do sector, Bouza explica que as importacións son un dos factores principales pero tamén existen outros como a necesidade de que se impoña unha procentaxe de mezclas máis alta, do 7%. A clave estaría nuha regulación máis estricta que favorecería positivamente ó sector. Ó igual que no caso da planta lucense, dende Entabán amósanse confiados no futuro: “a nosa ubicación, no porto de Ferrol, permítenos reducir costes e convértenos nunha planta competitiva. Estamos esperanzados para o ano que ven, tanto no que se refire ó rendemento de prezos como de productividade”, remata.
Estes son só dous exemplos da realidade do sector dos biocombustibles no territorio galego. Aínda que o resto de compañías que operan na comunidade non quixeron atender a este portal web nin facilitar datos sobre a súa situación, Galicia Ambiental puido saber que a tónica dominante en cada unha delas é similar ás anteriormente citadas, cunha actividade productiva case nula como consecuencia da situación que vimos explicando.
A producción de biocombustibles en Galicia é un sector que parece tocado, se non de morte, sí de forma pronunciada, despois das fortes inversións realizadas nun proceso productivo duramente cuestionado durante moito tempo e que, en poucos meses, podería quedar obsoleto fronte á primacía dos que poderían representar o futuro dos biocombustibles, os chamados productos de terceira xeneración, hoxe en fase de investigación.
A producción de combustibles cunha base ecolóxica e respetuosa co medio ambiente é unha necesidade, pero non concebidos como se coñecen hoxe en día, utilizando como materia prima produtos con utilidade alimentaria cuxa comercialización para este fin altera a orde do mercado e se traduce nunha subida dos prezos. Ademais, outros dos factores clave para a rendibilidade desta actividade é a necesidade de ubicar as fábricas de producción onde se encontren as plantacións de materia prima. Neste punto, con Galicia dase unha situación similar á que se está a producir no ámbito do carbón, onde a comunidade galega carece de xacementos e ten que recorrer á importación de materia prima para o seu funcionamento. Algo similar ocorre cos biocombustibles que, hoxe por hoxe, non parecen ser o futuro das enerxías renovables en Galicia así como sí o poden ser a eólica ou a xeotermia.
Expectativas incumpridas
A gran inversión realizada nos últimos cinco anos nunha clara aposta polos combustibles ecolóxicos e agrarios non deu os froitos esperados e estase a converter nun estrepitoso fracaso para a política de enerxías renovables española. Ata o de agora, a rendibilidade no ámbito dos biocarburantes eran as apostas de países como Arxentina e Brasil criticados por unha boa parte de asociación ecoloxistas e agrarias que non ven nesta nova fonte de enerxía as vantaxes que nun principio se presupoñían. As apostas destes países pasaban polo emprego de productos agrarios, aptos para o consumo humano e animal, provocando así a subida dos prezos e a repercusión nas zonas máis pobres nas que, ademais de quedarse sen unha parte fundamental da base alimenticia (cereais), adicaban gran parte dos seus terreos fértiles ás plantacións de materias primas aptas para a fabricación destes novos carburantes. A verdadeira aposta ecolóxica neste ámbito son os combustibles de terceira xeneración, en fase de desenvovemento, que utilizan productos que non son recomendables para o consumo humano e animal para a fabricación de combustibles que permiten reducir os riscos medioambientais.
A construcción de plantas para a producción de biocarburantes en España foi moi criticada no seu momento xa que, na maioría dos casos, supuxo fortísimas inversións económicas que non obtiveron a rendibilidade esperada. As críticas estaban fundamentadas no feito de que España non é un país productor de cereais aptos para converterse en materia prima desta fonte enerxética, senón que as plantacións españolas están dirixidas ó consumo humano e animal. O resultado foi a posta en marcha de grandes plantas de biocombustibles que se alimentaban de productos importados de países subdesenvoltos onde a producción deste tipo de materias primas con destino a biocombustibles producía fortes desordes no réxime de mercado. Ademais, estas importacións traían consigo un forte coste medioambiental, as toneladas de CO2 emitidas á atmósfera durante o proceso de traslado das materias primas dende os países de orixe ata as plantas españolas liberaban toneladas de dióxido de carbono causando graves danos no ecosistema. O tempo deu a razón a todos aqueles que criticaban a aposta de España por converterse nun referente en materia de combustibles renovables e a aqueles que apostaban pola máxima de producir biocombustibles onde hai capacidade de producir materia prima.
Ante a evidencia de que os biocombustibles, tamén chamados agrocombustibles, tal e como se coñecen ata o de agora xeneran cada vez máis dúbidas sobre a súa viabilidade e impacto ambiental, diversas investigacións e proxectos tecnolóxicos están traballando xa en novas materias primas e tecnoloxías capaces de contrarrestar as desvantaxes actuais. Trátase dos biocombustibles de terceira xeneración. A diferenza fundamental radica en que estes deben basarse en materias primas non utilizadas en alimentación e usando terreos residuais, nunca en zonas de alto valor ecolóxico como as selvas e os bosques primarios. Estes novos biocarburantes apostarán por desenvolver os procesos productivos onde se realizan as plantacións, ó contrario do que acontece co modelo actual que pasa por plantacións extensivas en países subdesenvoltos ou en vías de desenvolvemento para ser procesados en Europa ou América, tras costosos e contaminantes transportes en barco e camión.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






