Actualidade
O INEGA PON EN MARCHA O PLAN RENOVE DE ELECTRODOMÉSTICOS 2010
O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ven de anunciar a posta en marcha do Plan Renove de Electrodomésticos para o ano 2010, cuxo plazo de solicitude se abrirá previsiblemente no mes de agosto despois do éxito obtido durante o ano 2009 cando, debido á gran demanda surxida, se tivo que habilitar un segundo prazo para a solicitude das axudas.
Segundo explicou o director do Inega, Eliseo Diéguez, a Consellería de Economía e Industria, a través do ente que él mesmo dirixe, vén de asignar unha partida orzamentaria inicial de 3.100.000 euros para poñer en marcha esta iniciativa, coa que se prevé que máis de 33.500 familias galegas aforren un total de algo máis de 1,3 millóns de euros na súa factura eléctrica, unha media de 40 euros por fogar, e que posibilitará xerar un investimento asociado estimado en 12,4 millóns de euros.
Esta liña de axudas encádrase na aposta global da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética en todos os sectores, e subvencionará a substitución de electrodomésticos antigos por equipos de clase A ou superior, co obxectivo final de reducir o consumo de enerxía eléctrica maioritariamente no sector doméstico. As axudas á compra destes equipamentos máis eficientes desde o punto de vista enerxético cobren ata o 25% do prezo do aparato substituído, cun límite máximo de 125 euros por electrodoméstico (no caso de frigoríficos e frigoríficos-conxeladores con clasificación enerxética A++) e cun mínimo de 50 euros (para as placas de gas).
A solicitude de axudas do Plan Renove de Electrodomésticos abrirase a partir dos 20 días contados dende o seguinte á publicación do Plan no DOG, prevista para o luns 12 de xullo. É dicir, dende o próximo 2 de agosto poderase realizar, ata a finalización de fondos, a tramitación para recibir esta axuda. De acordo coa resolución que sairá publicada no DOG o vindeiro luns, poderán ser beneficiarios delas as persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada, sempre que destinen os electrodomésticos eficientes adquiridos ao seu uso particular e residan en Galicia, podendo recibir, como máximo, 1 subvención por cada tipoloxía de electrodoméstico subvencionable.
Para solicitar unha destas axudas o comprador dirixirase a unha entidade colaboradora do Plan Renove de Electrodomésticos 2010 e comprará un de Clase A o superior. A entidade colaboradora, mediante a aplicación informática, rexistrará a venda e indicará a contía da subvención. A continuación o comprador e a entidade colaboradora asinarán a solicitude que estará no estado “rexistrada” e posteriormente a colaboradora cobrará o prezo do electrodoméstico descontando a axuda do Inega. Nun prazo máximo de 90 días a entidade colaboradora deberá entregar, xunto co formulario da solicitude da axuda asinada, a documentación xustificativa, telemática ou presencialmente, ante o Inega. Unha vez verificada e validada a documentación, o ente dependente da Consellería de Industria transferirá a contía da axuda á entidade colaboradora.
Plan de aforro e eficiencia enerxética
O Plan Renove de Elctrodomésticos 2010 é a primeira das acción postas en marcha pola Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, que se enmarcan no plan anunciado esta mesma semana polo conselleiro Javier Guerra para o aforro e eficiencia enerxética na comunidade galega.
Segundo anuncio Guerra, o departamento que dirixe investirá no presente exercicio (entre xullo de 2010 e xullo de 2011) máis de 21 millóns de euros no desenvolvemento de 27 actuacións (convenios, plans específicos de axudas, cursos de formación, actividades de divulgación, etc.) para a potenciación do aforro e eficiencia enerxética en todos os sectores económicos (industria, transporte, edificación, servizos públicos, equipamento doméstico, agricultura e pesca e transformación da enerxía).
Este programa de actuacións de aforro e eficiencia enerxética 2010-2011 do Inega, que se inscribe no marco de colaboración que mantén co IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía), prevese que xenere un investimento asociado de 75 millóns de euros, un aforro de enerxía de preto de 200.000 MWh, un aforro económico de case 16 millóns de euros anuais e un aforro 78.143 toneladas de CO2 emitidas á atmosfera, segundo explicaron dende a propia Consellería.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






