IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Actualidade

AS TÉRMICAS GALEGAS AMEAZADAS POLO DECRETO DO CARBÓN

As centrais térmicas de Meirama (Gas Natural) e As Pontes (Endesa) ven ameazada a súa actividade pola probable aprobación e entrada en vigor do decreto nacional do carbón que prevé un maior apoio ás industrias enerxéticas que empreguen carbón extraído das concas mineiras nacionais fronte a aquelas que o importen de terceiros países, como é o caso das dúas centrais galegas.

 

A este varapau hai que sumar tamén a menor actividade que durante a primeira metade do ano xa rexistraran as instalación das empresas de Gas Natural e Endesa debido á primacía que están a obter as enerxías renovables fronte a aquelas máis tradicionais que, ademais, supoñen un alto coste ecolóxico traducido en toneladas de emisións de CO2 a atmósfera. Este feito queda reflexado nos datos de xeneracióon eléctrica do ano 2009 en España, onde só o 12,1% do total tiña como fonte de orixe o carbón.

 

Dende hai algún tempo, as dúas industrias importan carbón procedente de países como Sudáfrica, denominado “carbón ecolóxico” polas propias compañías, ó que se lle presupón un índice máis baixo de emisións de CO2, querendo disfrazar así a decisión adoptada como unha aposta pola conservación do medio ambiente e unha preocupación real das empresas pola diminución das emisións contaminantes. Nada máis lonxe da realidade, esta materia prima importada ata Galicia non só contén elementos contaminantes que seguen a producir emisións similarea ás do carbón nacional senón que, ademais, o seu transporte en barco dende o lugar de orixe ata os portos de A Coruña, para o caso de Meirama, e de Ferrol, no caso da central de As Pontes, e o seu posterior traslado en camións dende os peiraos atas as instalación das plantas térmicas aumentan considerablemente o total das emisións xeneradas durante todo o proceso. O certo é que, a pesar do emprego desa materia prima “ecolóxica” importada polas compañías eléctricas, as dúas térmicas galegas seguen estando entre as empresa máis contaminantes da nosa comunidade e incluso de España.

 

A verdadeira razón que se esconde detrás da decisión de utilizar carbón importado doutros países é que, dende hai algúns anos, as dúas compañías se ven obrigadas a importar a materia prima ó esgotarse os xacementos de carbón (lignito pardo) que había nos municipios onde están ubicadas as centrais. Sen dúbida, a importación da materia prima necesaria para a xeneración de enerxía eléctrica nas instalacións das dúas plantas galegas era a opción máis rentable xa que  os custes de extracción do carbón nas concas mineiras nacionais conleva uns costes moito maiores que non farían rentable a continuación da actividade productiva de Meirama e As Pontes.

 

A realidade actual é que, tanto a central de Meirama como a de As Pontes, se poderían ver abocadas ó peche se o decreto do carbón segue adiante e as obriga a utilizar nas súas instalacións carbón nacional, procedente das zonas mineiras de Asturias e León, xa que o seu uso non sería rentable para as compañías galegas que empregan a centos de persoas nos dous municipios coruñeses, entre postos de traballo directos e indirectos. Por este motivo, xa son moitas as voces que se levantaron dentro da comunidade en protesta contra a nova normativa e que piden, no caso de que saia adiante o decreto, compensacións para as centrais que priman o uso de materia prima importada alegando razóns ecolóxicas e medioambientais para elo.

 

As máis contaminantes de Galicia

Pese ó novo tipo de carbón “ecolóxico” que as centrais térmicas galegas empregan, logo de que os xacementos de lignito pardo de Meirama e As Pontes se esgotasen, as emisións que producen á atmósfera as súas instalación seguen a ser moito maiores do desexable. Tanto o complexo de Endesa como o de Gas Natural se sitúan entre as industrias máis contaminantes non só de Galicia senón de toda España.

 

A central térmica de As Pontes, considerada a maior de todo o país, emitiu durante o ano 2008 un total de 7 millóns de toneladas de CO2, convertíndose na industria española que máis dióxido de carbono aportou á atmósfera. Xunto co CO2, o complexo coruñés emite outro tipo de gases acidificantes convertíndose no causante da coñecida como chuvia ácida, así como da emisión de metáis pesados como o zinc, o arsénico ou o mercurio.

 

Pola súa parte, as instalación da empresa Gas Natural en Meirama, no concello coruñés de Cerceda, só emitiron durante o ano 2008 312.000 toneladas de dióxido de carbono debido a que non rexistrou a penas actividade por mor das reformas efectuadas na planta. Sen embargo, segundo as cuotas establecidas para o cumprimento do protocolo de Kioto, a central podería chegar a lanzar á atmósfera máis de dous millóns de toneladas de CO2, xunto con outro tipo de gases como o dióxido de azufre do que, só nun mes, produciu 4.160 toneladas.

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios