Actualidade
AMIGOS DA TERRA CALIFICA AS BANDEIRAS AZUIS DE NEGOCIO ENCUBERTO

As bandeiras azuis outorgadas ás praias galegas seguen dando que falar e levantando críticas entre os grupos ecoloxistas da comunidade. O último en levantar a voz contra estes galardóns cuestionados unha e outra vez polos méritos a ter en conta para conceder os títulos é Amigos da Terra. Nun comunicado feito público esta mesma mañá, a plataforma galega deixa entrever que a organización encargada de conceder as bandeiras azuis podería estar facendo negocio con esta iniciativa.
A organización pon de manifestó que, cada ano, coa proximidade da época estival, todos os medios de comunicación fanse eco das praias galardoadas coas bandeiras azuis, un distintivo que premia aos areais e portos con “maior calidade ambiental”. Un galardón outorgado, previa solicitude dos concellos, pola Fundación Europea de Educación Ambiental (FEE), entidade privada da que se coñece pouco máis que dar estas coñecidas condecoracións, e cuxa representante en España é a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).
Ademais, dende Amigos da Terra fan fincapé noutro dos aspectos máis criticados deste galardóns; a falta de apoio da Unión Europea. “As bandeiras azuis, orixinalmente, lucían as estrelas da Unión Europea (coñecíanse como "bandeiras azuis europeas"), pero dende hai anos non inclúen ese distintivo oficial”, sinalan. A Unión Europea retirou hai unha década o seu apoio a esta iniciativa, segundo expresou con toda claridade a entón comisaria de medio ambiente Margaret Wallstrom, “polo escaso rigor da súa concesión e dos seus mecanismos de control". As bandeiras azuis son concedidas dende entón por ADEAC, que se declara "sen ánimo de lucro", carecendo de respaldo e aval oficial algún por parte da Unión Europea.
A Organización ecoloxista sinala ademais a falta de criterios ambientais para premiar ós areais coas bandeiras azuis. Os concellos, a través das bandeiras azuis, pretenden “vendernos a moto” de que as súas praias cumpren todos os criterios ambientais e gozan de ecosistemas ben conservados. Algo moi lonxe da realidade, posto que os criterios baséanse principalmente na calidade da auga para o baño e os servizos cos que conte a praia. É dicir, “unha praia pode estar contaminada con metais pesados, pero se as análises din que é apta para o baño e conta con moitos servizos, recibe a súa bandeira azul sen máis miramentos”.
Un exemplo moi claro o atopamos en Vigo, como pode ser que a Unión Europea anuncie unha sanción multimillonaria ao Concello polos vertidos contaminantes á Ría e as deficiencias na súa rede de saneamento e depuración, e por outro lado, reciba 8 bandeiras azuis este ano?, pregúntanse os ecoloxistas.
Por iso, cada vez son máis os concellos que deixan de pedir este distintivo. O último caso o temos en Nigrán, concello que rexeita a bandeira azul dunha das súas praias, pola “sospeita de que tras a retirada de outras dúas bandeiras, atópanse outras razóns, que non atenden aos criterios que expón a FEE”, apuntan.
Para a asociación galega é importante non confundir ós cidadáns, “ver unha bandeira azul nunha praia indícalle ós visitantes que se atopan nun lugar urbanizado, nunca nun paraíso natural, pois moitas veces esa bandeira representa a excusa e coartada perfecta para xustificar o proceso destrutivo de urbanizar as costas. Dende o punto de vista estritamente ecolóxico, as mellores praias galegas nunca terán unha bandeira azul pero moitas das peores, dende ese punto de vista, si."
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






