Actualidade
EN GALICIA RECOLLÉRONSE CASE 6.000 TONELADAS DE RESIDUOS DE APARATOS ELECTRÓNICOS DURANTE 2009
Durante o pasado ano 2009, os galegos producimos un total de 5.916.668 kilos de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, segundo os datos proporcionados pola Fundación ECOLEC, un dos Sistemas Integrados de Xestión (SIX) que operan en Galicia para a recollida e tratamento deste tipo de residuos.
Segundo os datos facilitados a Galicia Ambiental, os galegos reciclamos un total de 5.279.013 kilos das case seis mil toneladas recollidas na comunidade, o que representa un 4,34% do total de residuos recollidos en España para o seu tratamento polo SIG da Fundación Ecolec, un total de 121.514.768 kilos.
Neste ámbito, os grandes electrodomésticos son os principias xeneradores de residuos correspondéndose con esta categoría 5.049.529 kilos de este tipo de rexeitamentos recollidos por Ecolec na comunidade galega, dos que case a terceira parte proceden de frigoríficos, conxeladores e outros equipos refrixeradores. Os televisores e outros aparatos electrónicos de consumo supoñen a segunda fonte de xeneración de RAEEs en Galicia, cun total de 169.875 kilos durante o ano 2009. Este grupo experimentou un importante incremento con relación ó pasado ano, cando se recolleran 17.488 kilos, debido á entrada en funcionamento da TDT que levou aparellado unha renovación de gran parte do parque de televisores existentes ata o momento.
Os pequenos electrodomésticos, cun total de 41.037 kilos de residuos, as ferramentas eléctricas e electrónicas, con 12.870 kilos, ou os xoguetes e equipos deportivos, con 2.679 kilos, completan esta lista, segundo os datos aportados pola Fundación Ecolec.
O certo é que estes datos son parciais xa que estamos a falar das cantidades de RAAE xestionadas só por Ecolec, pero en Galicia operan outros SIX que se encargan de este tipo de rexeitamentos e que completarían o dato final sobre a reciclaxe destes residuos na nosa comunidade. O que si é certo é que algunhas iniciativas como o Plan Renove de Electrodomésticos propician que os residuos derivados de aparatos eléctricos e electrónicos se incrementen, aínda que durante o ano 2009, e segundo as cifras obtidas por Galicia Ambiental, a recollida e tratamento deste tipo de residuos descendeu notablemente con respecto ó exercicio anterior no que se recolleran en Galicia en torno a 7.600 toneladas de RAEEs, rexistrándose sobre todo un descenso dos residuos procedentes de grandes electrodomésticos. Pola contra, outras categorías como os televisores, mencionados anteriormente, ou as ferramentas e xoguetes electrónicos aumentaron lixeiramente con respecto ás cifras recollidas no ano 2008.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






