IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Actualidade

SOGAMA CONMEMORA A SEMANA DO MEDIO AMBIENTE CON VISITAS Á SÚA PLANTA DE CERCEDA

Con motivo da Semana do Medio Ambiente 2010, Sogama organizou, á marxe do habitual programa de visitas ás súas instalacións, polas que pasaron preto de 50.000 visitantes nos últimos anos, as “IV Xornadas de Portas abertas”, que comezarán o día 1 de xuño e concluirán o venres 4, dando a oportunidade aos veciños de cinco Concellos da Mariña lucense a que comproben por si mesmos o funcionamento das instalacións que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda.

 

 

As localidades de Barreiros, Alfoz, Trabada, Lourenzá e Cervo, son as elixidas para a ocasión xa que, baixo a coordinación de Sogama, están a levar a cabo unha experiencia de compostaxe doméstica nun total de 200 vivendas rurais, procedendo á reciclaxe da materia orgánica en orixe mediante a súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo.

 

 

Con esta actuación espera que a veciñanza poida tomar conciencia da necesidade de reducir a produción de lixo en orixe, aplicando as consignas dun consumo responsable, así como de reutilizar os materiais o maior número de veces posible antes de convertelos en residuos e separalos por tipoloxías para que poidan ser reciclados e transformados en novos produtos.

 

 

Monitores de educación ambiental serán os encargados de proporcionar as explicacións oportunas sobre o modelo Sogama para o tratamento dos RU e de guiar o percorrido que os distintos grupos municipais realizarán polo Complexo Medioambiental, solucionando todas as dúbidas que poidan plantexar ao respecto.

 

 

O propio presidente de Sogama, Luis Lamas, explica que o obxectivo destas iniciativas é o de que " a cidadanía vexa cos seus propios ollos o que aquí facemos co lixo que a diario producimos todos e cada un de nós, así como o rigor co que levamos a cabo o proceso, e a partir de aí que sexan eles mesmos os que, dende a obxectividade e o coñecemento, valoren a nosa actividade". Os prexuízos, o descoñecemento e, en moitos casos, a información sesgada e terxiversada, alimentan a desconfianza cara a un sistema que o cidadán acaba descubrindo cando o ve de preto. De feito, en torno ó 90% dos enquisados tras a visita ás instalación da Sociedade Galega do Medio Ambiente din atoparse moi satisfeitos coa labor de Sogama na nosa Comunidade.

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios