Actualidade
O CONSELLO DA XUNTA APROBA O ANTEPROXECTO DA LEI DE AUGAS DE GALICIA
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o anteproxecto da Lei de augas de
Galicia, que pretende dar cumprimento á Directiva Marco da Auga (DMA), o que significará un cambio de modelo de xestión da Administración hidráulica galega. O texto trasladarase agora ó Parlamento de Galicia para o seu debate e aprobación.
Dende o punto de vista ambiental, un dos cambios máis importantes que implicará a implantación do novo marco xurídico será a creación da entidade Augas de Galicia, cunha configuración xurídica en que se acadará unha maior eficiencia e eficacia na xestión da auga. Crearase una nova entidade que será froito da fusión da actual Augas de Galicia e da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH). Con isto, lograrase unha maior flexibilidade organizativa e unha redución nos tempos burocráticos, o que implicará unha contratación da obra pública hidráulica máis áxil.
En canto á protección das rías e ríos galegos, e dada a problemática actual en materia de explotación das depuradoras de augas residuais en Galicia, a nova lei establece as bases para implantar un modelo de xestión baseado en criterios de solidariedade territorial e xustiza tributaria e establece un réxime especial de protección da calidade das augas das rías de Galicia.
Con esta norma, Galicia contará con competencias exclusivas en materia de augas que regula un réxime sancionador propio, aplicable na intervención e control do dominio público hidráulico das súas bacías internas.
No eido económico, o marco normativo establece dous principios fundamentais: a austeridade, coa creación da nova entidade Augas de Galicia, e o principio de recuperación de custos. En consecuencia, o canon da auga será universal e será aplicado a todas as aglomeracións urbanas, así como aos usuarios de captacións propias e de traídas veciñais. Nestes últimos dous casos, aplicarase unha bonificación do 80 por cento do canon, xa que son os propios usuarios os que administran o seu sistema de abastecemento.
Estas son as principais novidade incluidas na nova normativa de augas de Galicia que pretende adaptar a xestión dos recursos hídricos á lexislación europea e proporcionas ós cidadáns una auga de calidade.
Dados os antecedentes existentes nesta materia e os innumerables atrasos e atrancos que a xestión da auga atopou en Galicia teremos que esperar un tempo para comprobar se a nova lei será, definitivamente, a que permita á terra dos mil ríos desfrutar dunha auga óptima, tanto en cantidade como en calidade, sen descoidar o seu uso racional e sostible.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






