IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Actualidade

ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE PARA A SEGUNDA EDICIÓN DO PLAN RENOVE DE ELECTRODOMÉSTICOS 2009

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) abriu esta mesma semana o prazo de solicitude para as axudas da segunda edición do Plan Renove de Electrodomésticos 2009, dada a alta demanda rexistrada no marco desta campaña, que fixo que o orzamento inicial de 4 millóns de euros se esgotase en tan só 29 días.

 

 

O ente, dirixido por Eliseo Diéguez e dependente da Consellería de Economía e Industria, inxectou 500.000 euros para a realización desta segunda edición do Plan Renove. O prazo de solicitude de novas axudas pódese realizar xa dende este pasado luns, 24 de maio, e ata o 30 de outubro ou ata a finalización de fondos. Para solicitar calquera información ó respecto, os interesados poden consultar a páxina web do Inega, www.inega.es, ou chamar ó teléfono 981 54 15 00.

 

 

O Plan Renove de Electrodomésticos, que se enmarca dentro da aposta global da Xunta de Galicia polo aforro e a eficiencia enerxética, é unha liña de axudas destinada a reducir o consumo de enerxía eléctrica no sector doméstico, mediante a substitución das distintas tipoloxías de electrodomésticos por outros máis eficientes enerxeticamente (Clase A ou superior).

 

 

Con esta segunda edición do Plan Renove de Electrodomésticos 2009, o Inega estima que o conxunto das familias galegas beneficiadas, preto de 5.500, acadará un aforro anual global de 3.136 MWh no seu gasto enerxético e un aforro económico superior ós 212 mil euros anuais. Ademais, con esta ampliación de fondos, xerarase un investimento asociado de 2 millóns de euros e unha redución na emisión á atmosfera de máis de 1.000 toneladas de CO2.

A incidencia total do Plan Renove de Electrodomésticos 2009, isto é, cos 4,5 millóns de orzamento da primeira e da segunda edición, calcúlase que se obterá un aforro enerxético de 28.221 MWh; un aforro económico de preto de 2 millóns de euros anuais; un investimento asociado de 18 millóns de euros e máis de 10.000 toneladas de CO2 evitadas á atmosfera. Ademais, cando remate a execución, o Plan Renove de Electrodomésticos 2009 chegará ós 900 establecementos adheridos e a preto de 49.000 familias beneficiadas que verán, como de media, o consumo de electricidade procedente do consumo de electrodomésticos eficientes, tras a súa substitución por outros convencionais, descende nun 8%, é dicir, en 40 euros anuais.

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios