IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Actualidade

PRESENTACIÓN DO ATLAS DOS RÍOS SALMONEIROS DE ESPAÑA EN SANTIAGO

O Atlas de los ríos salmoneros de la Península Ibérica, presentado esta mañá en Santiago de Compostela polo conselleiro de Medio Rural, trátase dun estudo no que se recolle a situación actual dos ríos onde se rexistra a presenza deste tipo de especie. Este traballo, froito de cinco anos de investigacións, contén tamén un mapa da distribución do salmón atlántico en España, onde se especifican as características biolóxicas que ten a especie, que pasa a maior parte da súa vida no mar, e que ven desovar ó mesmo río onde naceu.

 

 

Ademais, o Atlas analiza a distribución histórica do salmón, dende a prehistoria ata hoxe, para poder estudar as causas e a magnitude do descenso de individuos desta especie na península. Neste documento faise unha extensa referencia  ás condicións do hábitat, así como a factores como a climatoloxía, hidroloxía, vexetación, usos do solo e, en xeral, cantos elementos teñen unha relación directa coas condicións biolóxicas no medio fluvial.

 

 

Así mesmo, este estudo recolle os retos de futuro, as políticas de xestión que deben acometerse para frear as dificultades da poboación desta especie, especialmente sensible ás modificacións climatolóxicas e á calidade das augas nas que se desenvolve.

 

 

No acto de presentación deste documento tamén estiveron presentes os directores xerais das Comunidades Autónomas que participaron no proxecto: Goberno Foral de Navarra, Deputacións forais de Biscaia e Guipúzcoa, o Goberno de Cantabria, o Principado de Asturias e, pola parte da Xunta de Galicia, o director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón.

 

 

A NASCO (North Atlantic Salmon Conservation Organization), principal organización internacional gobernamental dedicada á conservación deste recurso e referente mundial na materia, louvou e recoñeceu a importancia do traballo realizado neste ámbito para a materialización deste traballo.

 

A situación do salmón en Galicia

Aínda que dende a Administración autonómica se fai fincapé nos adiantos e melloras producida na xestión e conservación desta especie, sinalando o esforzo realizado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza na mellora de hábitats, na eliminación de obstáculos, na construción de pasos para incrementar as áreas de freza (onde desovan os salmóns), na instalación de contadores, na elaboración de exhaustivos censos de poboacións e no seguimento e control das enfermidades que afectan a esta especie, o certo é que a situación do salmón en Galicia hai só uns meses era máis ben alarmante.

 

 

Como no resto de comunidades salmoneiras, as últimas tempadas de pesca cerráronse con escasas capturas e con pouca presenza de salmónidos nos cursos fluviais galegos. O principal problema en Galicia é o gran número de embalses e minicentrais que supoñen, na maioría dos casos, barreiras insalvables para que os salmóns completen o seu ciclo de reproducción. A presenza de especies alóctonas e o pouco control que se exerce sobre outras, a presenza de furtivos nos ríos e o incumprimento das normas de mantemento de augas e vertidos de residuais directos ós ríos son otras das causas do declive do salmón en Galicia.

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios