Actualidade
HOXE CONMEMÓRASE O DÍA EUROPEO DOS PARQUES NATURAIS
Dende o ano 1999, o 24 de maio é a data elixida para a celebración do Día Europeo dos Parques Naturais, como recordo da data da declaración en Suecia, o 24 de maio de 1909, dos primeiros parques nacionais europeos. A celebración está promovida pola Federación EUROPARC, organización panaeuropea creada en 1973 e que reúne ás institucións adicadas á conservación da natureza e os espazos protexidos en 38 países.
O lema deste ano é: "Natureza sen fronteiras", xa que o concepto de espazo protexido como lugar illado das agresións externas quedou anticuado. A xestión dos espazos protexidos require coordinación e colaboración en todos os niveis administrativos e é necesario o desenvolvemento de redes de conservación e de corredores biolóxicos.
Os Parques Naturais Galegos
Galicia conta con seis parques naturais dentro do sue territorio, cunha extensión de 49.086 hectáreas. Todos eles contan con características e singularidades que fan deles espazos únicos e cunha riqueza biolóxica sen precedentes.
O Parque Natural da Enciña da Lastra presenta singularidade dos hábitats mediterráneos no contexto galego, así como as covas en terreos da calcaria de Aquitania únicos en Galicia; a Baixa Limia-Xurés correspóndese coas paisaxes de pedra modelada en gran medida polo xeo vello dos antigos glaciares que construíron morfoloxías excepcionais; as Fragas do Eume eríxense como a mellor representación dos bosques Atlánticos termófilos de Europa; o Invernadoiro, en pleno macizo central ourensán, configúrase nun magnífico referente para a conservación da paisaxe, formado por excepcionais montañas cubertas de matos secos, ocupados por unha variada fauna na que destacan os grandes ungulados silvestres; Corrubedo representa a testemuña litoral na comuñón da terra, o vento e o mar; e, por último, o Parque Natural do Monte Aloia, o decano dos parques galegos, un lugar para o lecer e o uso público feito con traballo e ilusión nas inmediacións da cidade de Tui.
É importante ter en conta que a nosa comunidade conta con moitos máis espazos naturais que, polas súas características, deberían de contar cunha maior protección fronte ás accións e ás actividades humanas que, en moitos casos, poñen en grave risco moitos destes ecosistemas. Dende as organizacións ecoloxistas estase a reclamar unha maior implicación das administracións autonómicas para que estes espazos non caian no olvido.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






