Actualidade
AMIGOS DA TERRA DENUNCIA O PERIGO AMBIENTAL DA REALIZACIÓN DE PROBAS DE TODOTERREOS SEN AUTORIZACIÓN
A Asociación Amigos da Terra ven de publicar que a proba de Todoterreos que tivo lugar o mes pasado en Xinzo de Limia, e que ela mesma denunciara polos danos que estes encontros causan na natureza e na biodiversidade das zonas nas que se realiza, non contaba coas autorizacións requiridas para a súa celbración.
A plataforma ecoloxista afirma que o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (SEPRONA) de Lobios, receptor dunha das catro denuncias interpostas por eles na que alertaban da celebración dunha proba de 4x4 que se ía a levar a cabo por distintos lugares da Comarca da Limia, se desplazou ata o lugar dos feitos para comprobar se a organización contaba coa preceptiva autorización. En vista da carencia da mesma, o corpo da Garda Civil ditou acta-denuncia que remitiu á Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de Ourense.
“Este tipo de espectáculos perxudican gravemente o contorno ambiental onde se levan a cabo, aumentando o risco de incendios por onde transcorren. Se ademais non cumpren as normas carecendo de autorización, cómpre abrir a axeitada investigación por parte do goberno galego, pondo fin a estas probas e abrindo o correspondente expediente sancionador”, explican dende Amigos da Terra.
Así mesmo, o Ministerio de la Presidencia a través da Subdelegación do Goberno de Ourense informa que, en base ás denuncias presentadas pola asociación ecoloxista polo “VII Encuentro Nacional Club Land Rover TT” celebrado o pasado 1 e 2 de maio en Montederramo e a Ribeira Sacra, tamén se deu traslado á Comandancia da Garda Civil para pór no seu coñecemento a celebración do mesmo e comprobar novamente, se a organziación deste novo encontro contaba coa autorización pertinente.
Amigos da Terra xa alertara a principios deste mes sobre a celebración deste último evento que discorreu por distintos lugares do Macizo Central ourensá e pola Ribeira Sacra, segundo a información aparecida nos medios de comunicación. Dende a asociación facian fincapé en que, os vehículos discorreran por zonas de fragas, de cría de fauna, camiños forestais, corredoiras e regatos. Denunciaban que a proba, consistente na circulación de vehículos en caravana e con altas velocidades, causaba un “forte risco de erosión das capas do terreo, graves ruídos, danos á infraestrutura viaria, danos á flora e á fauna, perigo de incendios e forte impacto nos ecosistemas, xa de por sí moi degradados por actividades antropoxénicas”.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






