IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Actualidade

PRIMEIRA XORNADA GALEGA SOBRE O PACTO DE ALCALDES E ALCALDESAS CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), acolleu hoxe na súa sede de Santiago de Compostela a celebración da “I Xuntanza de Traballo sobre o Pacto de Alcaldes e Alcaldesas contra o Cambio Climático” en Galicia, unha iniciativa novidosa para explicar ós concellos as oportunidade de mellora da eficiencia enerxética nos seus respectivos territorios.

 

 

O obxectivo desta iniciativa, impulsada polo Instituto Enerxético de Galicia, “é facerlle ver ás organizacións participantes, todas elas representativas da Administración Local, o reto que teñen diante de si os concellos, de aproveitamento dos fondos europeos como vía de obtención de orzamento con que poder mellorar a eficiencia enerxética nos seus respectivos municipios, e así conseguir diminuír o nivel de emisións de CO2 a nivel municipal, sen que iso lle supoña un custo engadido ás arcas locais”, afirmaba Eliseo Diéguez, director do Inega, na apertura desta xornada. Así mesmo, incidiu na importancia de aproveitar os recursos autóctonos e na implantación de fontes de enerxías renovables, como vía para reducir a dependencia enerxética.

 

 

Ademais do director do Inega, Eliseo Diéguez, e do persoal do Instituto, na xuntanza estiveron presentes representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), das catro deputacións provinciais galegas e da Consellería de Medio Ambiente, ademais dun membro da Deputación de Barcelona, que expuxo a modo de exemplo a experiencia concreta que ten en marcha neste ámbito.

 

 

Conseguir diminuír o nivel de emisións de CO2 a nivel municipal e definir a estrutura organizativa coas entidades interesadas para a coordinación de proxectos no ámbito desta proposta, que está inspirada na iniciativa europea que leva o mesmo nome (“Pacto de Alcaldes contra o Cambio Climático”) e que nace ó abeiro do “Plan de Acción sobre a eficiencia enerxética” da UE, que ten como claro compromiso que os Gobernos Locais reduzan as emisións de CO2 nun 20% antes do ano 2020, son os obxectivos concretos tratados cos representantes das administración locais galegas e para o que contarán co apoio do Inega.

 

 

O ente dependente da Consellería de Economía e Industria  pretende, a través da convocatoria desta iniciativa, que terá continuidade noutra serie de reunións, que se celebrarán de xeito periódico, apoiar ós concellos para que se convertan, como administración máis próxima ó cidadán que son, en actores principais da posta en práctica de políticas enerxéticas sostibles.

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios