Actualidade
SOLICITAN UNHA LEXISLACIÓN QUE PERMITAR REDUCIR AS BOLSAS DUN SÓ USO
A asociación Amigos da Terra ven de facer pública a súa petición dunha lexislación vinculante que permita reducir o número de bolsas dun só uso que na actualidade se seguen a utilizar na maioría de establecementos comerciais galegos. Segundo a organización ecoloxista “as iniciativas postas en marcha polas grandes distribuidoras para reducir as bolsas non seguen adiante por motivos comerciais, o que demostra que os acordos voluntarios non son suficientes para conseguir obxectivos ambientais”.
O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño formulou no seu Plan Nacional Integrado de Residuos a redución do 50% das bolsas dun só uso distribuídas en España para finais de 2010. Non obstante, a seis meses de cumprirse o prazo marcado, e debido a que as medidas ambientais non sempre teñen bos resultados comerciais, as iniciativas postas en marcha, tales como cobrar as bolsas ao final da liña de caixa, estanse a eliminar, “impedindo deste xeito a consecución dos obxectivos marcados”, remarcan.
Ademais, sinalan que as medidas tomadas por algunhas destas distribuidoras non só non solucionan o problema na súa totalidade, senón que poden crear problemas adicionais. A distribución gratuíta ou moi económica de bolsas biodegradables traslada o problema do plástico feito de petróleo ós cultivos de millo e pataca destinados á fabricación de plástico biodegradables, coa agravante de que se trata de cultivos alimentarios, moitas veces provintes de países empobrecidos, afectando deste xeito á soberanía alimentaria de moitos pobos. Este tipo de producións tamén incrementa as hectáreas de monocultivo, reducindo deste xeito a biodiversidade agraria e da fauna e flora asociada a ela.
A única alternativa realmente ecolóxica é o emprego de sistemas de transporte reutilizables como bolsas de tea, carriños, cestas, seiras, caixas, etc. Dende a plataforma galega sinalan que, a pesar de que cada vez hai máis persoas e colectivos concienciados co uso destes sistemas, é necesario que o Goberno estableza medidas lexislativas vinculantes e non deixe en mans das empresas o cambio de actitude, xa que se demostrou amplamente que estas sempre antepoñerán os intereses comerciais ante os beneficios ambientais.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






