Actualidade
O PORTO DE A CORUÑA VOLVE A SER ESCENARIO DA CHEGADA MASIVA DE MEDUSAS E SALPAS

A dársena coruñesa recibía hai só uns días a visita masiva de placton xelatinoso, principalmente salpas e medusas, segundo identificaron científicos do Centro Oceanográfico de A Coruña, pertencente ó Instituto Español de Oceanografía (IEO), como consecuencia da calma que durante estes últimos días se está a vivir nas costas coruñesas. A maior acumulación producíase na parte interna do dique de abrigo e entre os pantaláns do porto deportivo, observándose maioritariamente salpas pero tamén tres tipos diferentes de medusas.
As salpas, das que a especie máis abundante nesta ocasión foi a Salpa maxima, son organismos moi parecidos ás medusas, co corpo semitransparente, que se alimentan de fitoplacton e que teñen a particularidade de aptar o CO2. Por este motivo, en algún momento pensouse nestes organismos como efectivos para combatir o cambio climático, aínda que finalmente a idea se descartou xa que a presencia masiva destas especies no océano poñería en grave risco a supervivencia doutros animais como as baleas ou as focas que comparten o mesmo alimento. As salpas, avistadas no porto coruñés, forman longas cadeas que nadan de forma sincronizada e que, xunto coas medusas, arrastran numerosos crustáceos asociados á súa cadea o que conleva a aparición de peixes e outro tipo de animais mariños.
Estas acumulacións de placton xelatinoso nas costas galegas, e máis en particular na zona de A Coruña, son relativamente habituais aínda que a última vez que se producira un fenómeno deste tipo no porto da cidade herculina foi durante o mes de outubro do ano 2009.
Para coñecer con máis detalle as orixes destes fenómenos, así como o comportamento destas masas de placton xelatinoso, o Centro Oceanográfico de A Coruña mantén un programa de observación e estudo das proliferacións destas masas que permitan ademais determinar as causas da súa variabilidade en relación ós cambios do clima.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






