IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Actualidade

CONTINÚA A DEGRADACIÓN AMBIENTAL DA LAGOA DA FROUXEIRA

 

O humidal protexido da Lagoa da Frouxeira, no concello coruñés de Valdoviño, está a sufrir un importante deterioro ambiental dende hai varios meses como están a denunciar diversas asociacións ambientais galegas. Dende a plataforma ADEGA, veñen de poñer en evidencia a utilización por parte de persoas, animais e incluso vehículos como os quads de parte deste espazo protexido, seco dende hai cinco meses, como lugar de tránsito. “A lagoa está convertida nun ermo areoso polo que pululan sen control cans, cabalos e quads que están a altera os hábitats e as especies protexidas, comprometendo a súa conservación”, sinalan dende a asociación.

 

 

Ademais disto, dende ADEGA denuncian tamén os recentes desbroces indiscriminados realizados este mesmo mes sobre o sistema dunar e a vexetación palustre. Segundo afirman dende a plataforma, “as rozas danaron hábitats prioritarios, como as dunas grises, breixais sobre dunas, a vexetación higrófila da lagoa e outros hábitats de interese europeo como dunas brancas e pasteiros salinos”,  incumprindo así a Directiva de Hábitats e a lexislación estatal e galega de protección da biodiversidade. Continúan asegurando que esas accións poñen en perigo o estado de conservación das especies protexidas como a Omphalodes littoralis subsp. gallaecica ou o Antirhinum majus subsp linkianum, incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas baixo a categoría “en perigo de extinción”. Para ADEGA, a gravidade destes feitos vese incrementada ó observar que o desbroce que destrúe hábitats e especies protexidos respecta as especies alóctonas e invasoras.

 

 

Para a Asociación, só é un exemplo máis da deixadez por parte da Administración galega no que concerne á protección e conservación dos espazos protexidos da comunidade galega.

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios