Actualidade
A RECICLAXE DE VIDRO AUMENTOU UN 6,4% EN GALICIA DURANTE 2009

Durante o pasado ano 2009, os galegos reciclamos un total de 40.140.760 kilos de vidro, o que representa un incremento dun 6,4% con respecto ó ano anterior, segundo os datos feitos públicos hoxe por Ecovidro, organismo encargado do sistema integrado de xestión (SIX) do reciclado dos residuos de envases de vidro en toda España. Esta cifra sitúa a Galicia como a terceira comunidade do estado na que máis medrou a porcentaxe de residuos de vidro recollidos para o seu axeitado tratamento, só por detrás de Baleares, cun incremento do 22,4%, e de Asturias, onde o vidro reciclado aumentou un 12,2% o ano pasado.
Segundo os datos facilitados polo SIX, cada galego depositou nos iglús verdes destinados ó depósito deste tipo de materiais unha media de 14,4 kilos, unha cifra que se atopa por debaixo da media do estado (15,2%) en canto a sensibilización cidadá con respecto á reciclaxe de vidro. Sen embargo, Galicia é unha das rexións que mellor çindice de contenerización presenta, cun total de 11.844 iglús para os seus 2.796.089 habitantes, o que supón unha media de 236 cidadáns por contenedor. Somentes Castela e León, cun ratio de 199 habitantes por iglú, e Navarra, cun contenedor para cada 205 veciños, se sitúan por diante da nosa comunidade.
Sen embargo, e a pesar das cifras, Galicia segue tendo importantes problemas en materia de reciclaxe de vidro. O alto índice de dispersión da poboación no territorio galego fai que este bo dato da contenerización se vexa desvirtuado, facendo que a realidade sexa moi distinta do que reflexan os números. En Galicia seguen a faltar iglús para a reciclaxe de vidro en moitos núcleos rurais nos que habita unha porcentaxe importante da poboación galega. A isto tamén hai que sumar a necesidade de contar cunha recollida específica de vidro en zonas hosteleiras, que ata o de agora é moi escasa na nosa comunidade. O reforzo do servizo en moitas destas zonas durante os días de maior actividade, sobre todo nas noites das fins de semana, é unha necesidade urxente para paliar o problema.
A reciclaxe de vidro en España
Durante 2009, os españois depositaron nos iglús verdes un total de 712.662 toneladas de vidro, o que se traduce nun índice de 15,2 kilogramos de residuos de envases de vidro reciclados por habitante, segundo as cifras facilitadas por Ecovidrio. Tendo en conta o descenso dun 3,2% do consumo de envases de vidro registrado en 2009, a tendencia da reciclaxe deste material resulta positiva xa que se produciu un mantemento da cantidade de residuos recollidos respecto a 2008, cando a media de kilos de vidro reciclado por persoa se situaba nos 15,5.
En canto ó número de contenedores, Ecovidrio instalou durante o pasado ano 7.140 novos puntos de recollida, polo que España conta xa cun total de 164.503 contenedores de vidro. Estas cifras supoñen que exista un contenedor por cada 284 cidadáns, situándose así o noso país como un dos que conta cun dos mellores ratios de contenerización de Europa, “superando así as directrices que marcan as lexislacións de España e Europa neste sentido”, apuntan dende Ecovidrio.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






