Actualidade
ACUSADO DUN DELITO DE DOBRE PREVARICACIÓN O PRESIDENTE DE PORTOS DE GALICIA POLA PISCIFACTORÍA DE RINLO
O fiscal de medio ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de presentar unha denuncia penal contra José Manuel Álvarez-Campana Gallo, actual presidente de Portos de Galicia, que no ano 2005, sendo Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, asinou a declaración de impacto ambiental (DIA) da piscifatoría de Acuinor, en Rinlo (Ribadeo). Na súa denuncia, a fiscalía impútalle dous delictos de prevaricación ambiental e urbanística por autorizar a piscifatoría en Rede Natura atendendo a "intereses económicos alleos". Trátase da primeira intervención xudicial pola vía penal para depurar responsabilidades dos altos cargos do último goberno Fraga, logo de que o TSXG anulara a autorización e a DIA da piscifatoría nas Catedrais.
A asociación ecoloxista ADEGA, quen presentou a denuncia que dou lugar a esta situación, felicítase pola “valente actuación” que abre agora vía penal nun longo proceso xudicial iniciado trala denuncia contra as actuacións da Xunta e ACUINOR no caso da piscifatoría de Rinlo (LIC As Catedrais). Dita organización sinala que, ata hoxe, os tribunais viñéronlle dando sistemáticamente a razón, acordando unha decisiva paralización cautelar das obras e, finalmente, anulando a Declaración de Impacto Ambiental e as licenzas de obra e actividade do proxecto.
Para a plataforma ecologista este é un importante paso adiante na protección dos espazos naturais de Galicia fronte ós intereses empresariais e económicos.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






