Actualidade
MEDIO MILLÓN DE EUROS EN AXUDAS Á COMPRA DE VEHÍCULOS EFICIENTES

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, destina medio millón de euros ó Plan de Vehículos Eficientes que se porá en marcha en pouco máis dun mes. A varias semanas do seu pistoletazo de saída, o INEGA xa ten comprometido máis da metade do orzamento destinado a esta acción xa que, dende que o pasado 1 de febreiro se abrira o prazo para realizar as solicitudes, xa se rexistraron máis dun centenar de trámites nos vintetrés concesionarios adheridos ata o momento a esta campaña.
Esta liña de axudas está orientada a favorecer a compra de vehículos novos de propulsión eléctrica, híbrida (é dicir, con capacidade de tracción ó 100% mediante baterías) ou de medios de transporte alimentados con gas natural, Gases Licuados do Petróleo (GLP) ou hidróxeno, mediante a concesión de axudas económicas que diminúan o extracusto nestes vehículos alternativos, en relación cos vehículos equivalentes de deseño e motorización tradicional. Tamén se subvenciona igualmente a adquisición de motocicletas con capacidade de tracción eléctrica ao 100% e a transformación de vehículos matriculados, novos ou usados, a GLP. A contía máxima da subvención será dun máximo do 15% do prezo de mercado.
Con esta actuación, que o INEGA convoca por terceiro ano consecutivo coa finalidade de promover entre a sociedade galega un uso máis eficiente e respetuoso dos medios de transporte, prevese acadar un aforro de 48 toneladas equivalentes de petróleo ó ano, que supón unha diminución de emisións á atmosfera de 162,40 toneladas de CO2, segundo sinalaron dende o propio de partamento dependente da Consellería dirixida por Javier Guerra.
Dende o INEGA teñen previsto que con esta campaña, xestionada en colaboración coas empresas que desexen participar nela, se adhiran máis de 45 concesionarios e talleres e se realicen 250 transaccións no marco deste Plan: as estimacións son que se merquen 210 vehículos novos híbridos e se realicen 40 transformacións a GLP.
Plan de axudas da Xunta
Hai somentes uns días, o propio presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó, anunciaba a posta en marcha do Plan Integral re-Móvete Automoción, no que tamén se inclúen axudas destinadas á compra de vehículos eficientes, ben eléctricos ou híbridos, dentro da comunidade galega.
O cuarto piar deste Plan, no que se inclúen estas axudas, potenciará a busca de “solucións de mobilidade sostible para lograr unha maior eficiencia enerxética”, sinalou Feijoó. “Poñemos en marcha axudas para a compra de vehículos eléctricos e híbridos, que alcanzarán ata o 15% do prezo do vehículo novo, e ata 7.000 euros no caso de vehículos eléctricos”, incidiu.
Neste mesmo campo, o presidente galego adiantou que xa está preparado “o borrador do regulamento das especificacións técnicas das infraestruturas de recarga dos vehículos eléctricos, así como a regulación da actividade de recarga na Comunidade”, ó tempo que se está a promover a constitución dun “acordo, integrado polas principais operadoras e a FEGAMP, para a implantación de sete estacións demostrativas da mobilidade eléctrica en Galicia”.
Máis información sobre vehículos eficientes en: www.galiciaambiental.net/reportajes.php
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






