Actualidade
FORMACIÓN EN CERTIFICACIÓN ENERXÉTICA EN DIVERSOS CONCELLOS GALEGOS
A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, desenvolverá entre os meses de abril e xullo unha completa programación de 9 cursos de formación sobre “Modelización e prácticas experimentais para a Certificación Enerxética de Edificios”, que se celebrará nas principais cidades galegas.
O obxectivo final destes seminarios, que o departamento que dirixe Javier Guerra desenvolverá da man do Inega no marco de colaboración global que ten co IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía), é o de formar, informar e concienciar ós axentes implicados e ós afectados pola nova normativa enerxética edificatoria para propiciar que se consuma menos enerxía e dun xeito máis racional no sector, de forma que se minimice o consumo enerxético neste ámbito.
En Europa o sector da edificación presenta un consumo de enerxía final que se sitúa nunha media de entre o 35% e o 40% do gasto enerxético total, o que motivou que as directivas europeas neste campo se traspuxeran ós diferentes estados membros para que cada un, a través da súa lexislación, puxera en práctica as medidas de aforro e eficiencia enerxética propostas nas correspondentes directivas. En España, estas transposicións realizáronse a través do CTE (Código Técnico da Edificación), do Real Decreto de Certificación Enerxética de Edificios e do RITE (Regulamento de Instalacións Térmicas en Edificios).
Concretamente este programa de cursos que se iniciarán o día 20 de abril na sede do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), en Santiago de Compostela, están dirixidos a capacitar aos profesionais da edificación no manexo dos programas informáticos de referencia relacionados coa eficiencia enerxética no sector da edificación, mediante métodos experimentais e resolución de casos prácticos. Por esta razón, os seminarios van dirixidos a profesionais relacionados co deseño e verificación de sistemas relacionados co consumo de enerxía en edificación, particularmente en arquitectura, sistema de climatización, iluminación e enerxías renovables, así como a estudantes de último curso e posgrao en Escolas de Enxeñerías (Superior e Técnica) e Arquitecturas (Superior e Técnica).
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






