IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Actualidade

EXITOSA POSTA EN MARCHA DUN PROGRAMA PIONEIRO PARA A XESTIÓN DE RESIDUOS GANDEIROS

 

O medio rural galego, en contra do que moitos poidan crer a priori, tamén é unha fonte de contaminación e de problemas ambientais se a xestión dos seus residuos non se fai da forma axeitada. O tratamento dos restos orgánicos das explotacións agrícolas e gandeiras que nel existen son unha das principias fontes de inconvenientes neste sentido. Os puríns, os restos de podas e desbroces, de recolleitas e incluso os residuos que produce a industria agroalimentaria convírtense nun problema de difícil solución que, en moitos casos, acaban contaminando terreos e augas nunha boa parte das comarcas rurais da nosa comunidade e contribuindo ó quentamento global coa emanación de gases perigosos que moitos deses restos desprenden cando están en descomposición.

 

 

Dende a Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA), queren aportar o seu gran de area para contribuir a poñer punto e final a este grave problema medioambiental coa posta en marcha dun proxecto piloto denominado "Valorización dos residuos agrarios gandeiros e a súa repercusión na mitigación e na adaptación do sector gandeiro ó Cambio Climático" que, segundo explican dende a propia organización, “abrangue o desenvolvemento de alternativas innovadoras na xestión dos subprodutos orgánicos procedentes de explotacións gandeiras avícolas, porcinas e vacúas”.

 

 

O proxecto, programado para ser executado en tres anos, abordou durante algúns meses do ano 2009 a fase de preparación e diagnóstico, financiada polo Ministerio de Medio Ambiente, e neste momento, segundo confirmaron dende FEGAMA a Galicia Ambiental, están pendentes de que saia a nova liña de axudas para este ano co que esperan abordar a seguinte fase do programa.

 

 

Obxectivo principal: un medio rural sostible

 

Como resposta a un dos problemas locais máis graves do ámbito rural galego, a xestión dos residuos orgánicos producidos pola propia actividade gandeira e agrícola, nace o proxecto "Valorización dos residuos agrarios gandeiros e a súa repercusión na mitigación e na adaptación do sector gandeiro ao Cambio Climático". Como explican dende a propia Federación Galega de Medio Ambiente, “o proxecto xurde dos problemas locais que nos trasladan os traballadores das empresas cos sistemas produtivos predominantes do medio rural galego: vacuno, porcino e avícola”.

 

 

O endurecemento da lexislación que rixe a xestión dos residuos agrarios, sumado ó maior tamaño das explotacións, con sistemas produtivos máis extensivos que provocan que a súa base territorial non sexa suficiente para poder reincorporar os residuos orgánicos nos chans da zona, provocan a queixa dos seus responsables e a búsqueda de solucións por parte de organizacións como FEGAMA, que ten como unha das súas finalidades a de servir de órgano intermediario entre os seus representados e as administracións.

 

 

Ante esta situación, nace a idea de poñer en marcha proxectos piloto como o mencionado, pioneiro no sector, e que ten como finalidade “expor a problemática e as posibles solucións como poden ser, por exemplo, levar a cabo experiencias piloto de reincorporación dos residuos orgánicos no solo”, aclaran dende a propia plataforma ecoloxista. “O obxectivo é realizar un produto derivado do xurro para reutilizar como fertilizante nas terras, tanto nos chans dos invernadoiros como nas plantacións de pataca, millo ou viñedos”, recalcan.

 

 

Os beneficios para o medio ambiente que se derivan da aplicación deste iniciativa son numerosos: diminuír as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) nas explotacións gandeiras, diminuír o transporte de residuos buscando unha correcta xestión que permita a súa reutilización en zonas do entorno onde se xenera, facilitar a reciclaxe dos residuos orgánicos procedentes de diferentes actividades tales como estercos de granxas, restos orgánicos de industrias agroalimentarias ou restos de vexetais diversos e a recuperación de espazos degradados, a través da aplicación de compost.

 

 

Ademais de buscar unha alternativa que permita diminuir o transporte destes rexeitamentos, aforrando o coste tanto económico como medioambiental que elo representa e buscando formas de reutilización no propio campo, o proxecto tamén promove a valorización enerxética da materia orgánica mediante sistemas de co-dixestión anaerobia, que permiten utilizar a enerxía contida nos propios residuos para o aproveitamenteo nas explotacións, dando así unha segunda vida útil á materia orgánica que permite aforrar o uso doutros recursos enerxéticos e materias primas.

 

O desenvolvemento do proxecto

 

Esta iniciativa respaldada por FEGAMA non só se está a desenvolver en Galicia, onde afecta a explotacións da comarca do Deza, particularmente ós concellos de Lalín, Rodeiro e Silleda. Este último é o que conta cunha maior concentración deste tipo de actividade, con arredor de 72 explotacións. Murcia e Extremadura son as outras dúas comunidades nas que se está a poñer en marcha este novidoso sistema que permita dar unha segunda vida útil ós residuos derivados das actividades gandeiras.

 

 

A posta en marcha da iniciativa comezou o pasado ano coa implantación da fase preparatoria, para a que se contou coa colaboración e o asesoramento da USC e de investigadores especializados no tratamento de residuos agrogandeiros, segundo sinalan dende a Federación. Nesta etapa tratouse de “establecer mecanismos de comunicación, transferencia e intercambio de información entre os científicos, expertos de sector e os gandeiros das explotacións tipo do proxecto, alcanzándose acordos e bo entendemento entre as partes implicadas”, afirmaron a Galicia Ambiental.

 

 

Para o remate da experiencia, que está previsto que finalice en tres anos, aínda compre a posta en marcha das tres fases restantes: fase de execución do proxecto piloto, fase de seguimento e control e fase de participación, difusión e comunicación. Nas futuras etapas “obteranse abonos orgánicos, estables que incrementen a cantidade de materia orgánica no chan e a produción dos cultivos das explotacións piloto. Ademais, debaterase cal é o potencial fertilizante das mostras analizadas para abonar as parcelas experimentais”, explican.

 

 

Os propietarios das explotacións agrogandeiras acollidas a esta experiencia piloto beneficiaranse da posibilidade de comprobar que existen “alternativas viables ós problemas causados polo manexo das dexeccións gandeiras e o autoabastecemento de recursos e insumos, utilizando os recursos locais”, aclaran dende FEGAMA.

 

 

Pero a iniciativa tamén ten outras vantaxes de tipo social, económico e ambiental como a redundancia na diminución da contaminación de augas superficiais e subterráneas, así como das emisións de gases de efecto invernadoiro, dous dos problemas ambientais máis graves nos tempos actuais e, máis se cabe, na comunidade galega.

 

 

Traballando polo medio ambiente

 

Aínda que polo de agora é pronto para determinar cales serán os froitos da posta en marcha desta experiencia pioneira no medio rural galego, dende FEGAMA coinciden en sinalar a importancia desta primeira fase para o éxito final do proxecto e o bo cumprimento que dela se fixo.

 

 

“A repercusión das accións realizadas durante a fase preparatoria do proxecto non é inmediata sobre o medio ambiente pero sí o é a longo prazo”, sinalan. “Durante esta fase fíxose unha labor moi importante para a mellora do medio ambiente. A información, sensibilización e participación dos diferentes implicados no sector, son as bases para poder iniciar actuacións relacionadas coas experiencias propostas para o proxecto piloto global e alcanzar os obxectivos marcados”.

 

 

Dende a organización ecoloxista fan fincapé en que os residuos agrícolas son a maior fonte de residuos e de potencial contaminante en Europa, e dentro destes, os residuos gandeiros constitúen o principal problema ambiental. A xestión dos residuos agrarios é a máis problemática, xa que non existe un control rigoroso sobre eles debido á súa natureza ou ó entorno no que se producen. Non entanto, o aproveitamento enerxético dos residuos producidos en actividades agrícolas, gandeiras, forestais ou de industrias alimentarias é o que presenta maiores posibilidades hoxe en día, se se pretende levar a cabo o lema das tres erres: Reducir, Reciclar e Recuperar

 

 

Con este proxecto preténdese reducir o impacto ambiental que provocan os residuos orgánicos no medio ambiente, reducindo as emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro, minimizando considerablemente os cheiros e mellorando o valor final dos residuos.

 

 

Pero a contribución ó entorno natural galego de FEGAMA non remata aquí. Conscientes do valor do medio ambiente e das limitacións e problemas que no medio rural se atopan moitas veces para tratar de forma correcta os residuos xerados polas actividades do sector primario, a plataforma ten en marcha outros proxectos encamiñados a facer máis fácil esta labor de reciclaxe no campo galego. Unha iniciativa similar á mencionada anteriormente pretende dar solucións á problemática local das grandes explotacións avícolas da Comarca do Rosal, mediante a que se están a buscar formas de  reintroducir os residuos orgánicos (gallinaza) nos terreos da zona. A acumulación de neumáticos, producida polo cambio na orientación produtiva das explotacións gandeiras da Comarca de Ortigueira, é outro dos problemas ambientais ó que FEGAMA está intentando poñer fin, xa que con esta modernización se están a xerar novos residuos como os neumáticos fóra de uso e os plásticos agrícolas que ata hai pouco tempo non supoñían un problema para o medio ambiente e para os que a organización xa está buscando unha forma de tratatamento respetuoso co seu entorno.

 

 

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios