IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Actualidade

GALICIA SÓ CONTA CON CINCO HUMIDAIS PROTEXIDOS DOS MÁIS DE MIL EXISTENTES NA COMUNIDADE

 

O 2 de febreiro de cada ano celébrase o Día Mundial dos Humidais para conmemorar a data na que se adoptou a Convención sobre os Humidais, o 2 de febreiro de 1971. O tema proposto para a celebración deste ano está relacionado cos humidais, a biodiversidade e o cambio climático.

 

 

Sen embargo, e pese a importancia destes espazos naturais como medio de protección da biodiversidade e de minimización dos efectos do cambio climático, en Galicia somentes cinco humedais contan con protección legal. No país dos mil ríos, onde abundan as lagoas, brañas e xunqueiras, onde existen máis de 1.100 humidais catalogados, a porcentaxe deste tipo de espazos protexido é prácticamente insignificante. De todos eles, só o complexo de Corrubedo, o complexo intermareal Umia-O Grove, a lagoa e o areal de Valdoviño, a ría de Ortigueira e Ladrido e a de Ribadeo son os que contan na actualidade con figuras lexislativas de protección.

 

 

Por este motivo, é necesario concienciar a todos os actores sociais, dende administracións ata empresas e cidadáns, da necesidade de preservar estes hábitats onde viven numerosas especies que constitúen un importante patrimonio natural e cultural para a nosa comunidade.

 

 

As reivindicacións ecoloxistas

 

Con motivo da celebración do Día Mundial dos Humidais, varias asociacións ecoloxistas galegas expresaron ás súas reivindicacións neste ámbito, incidindo todas elas na necesidade de establecer plans e medidas legais que garanticen a protección destes espazos, alonxándoos da especulación inmobiliaria e doutras actividades que poidan repercutir na súa conservación.

 

 

Por unha banda, Amigos da Terra sinala “a necesidade urxente de deseñar, aprobar e poñer en funcionamento plans de ordenación e xestión, polo menos, nos humidais galegos protexidos”. Dende a organización destacan a “carencia” destas ferramentas, o que fai inviable a conservación destes espazos a medio prazo. Ademais, resaltan que “o deseño de plans de ordenación e xestión eficaces dotaría ós xestores de instrumentos para planificar as súas accións e recursos a curto, medio e longo prazo, previndo dramáticos erros de xestión como o recente baleirado da Lagoa da Frouxeira”.

 

 

Na mesma liña, a Plataforma Ecoloxista ADEGA demanda da Xunta “como responsable da planificación e xestión dos humidais galegos, o cumprimento das súas obrigas legais para a súa conservación e uso racional, promocionando e executando políticas de protección efectiva en troques de improvisar solucións chafalleiras”, como o caso mencionado anteriormente. Ademais de facer fincapé en que a pesar de que Galicia é o territorio peninsular con maior diversidade de lagoas, brañas, xunqueiras... das que só cinco gozan de protección legal, ADEGA advirte que o novo Plan de Ordenamento do Litoral “non garante que os valiosos humidais costeiros estean libres de aproveitamentos sustentables como portos deportivos, piscifatorías, recheos e paseos”.

 

 

Novo plan de conservación para os humidais galegos

 

O Día Mundial dos Humidais foi tamén aproveitado pola Administración galega para anunciar a creción e posta en marcha dun Plan de Humidais de Galicia, no marco do Convenio internacional de Ramsar e do Plan Estratéxico Español para a Conservación e Uso Racional dos Humidais. O director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón Millán, anunciaba a iniciativa esta mesma mañá na inauguración da xornada “Coidemos os humidais. Unha resposta ao cambio climático”, que se desenvolveu no Castelo de Santa Cruz, en Oleiros (A Coruña).

 

 

García-Borregón explicou que este plan se vai basar “en acordos ou convenios entre as diferentes administracións (estatal, autonómica e local), así como con entidades de custodia do territorio, para promover e desenvolver actuacións de conservación e restauración destes ecosistemas”.

 

 

Humidais artificiais

 

Ó milleiro de humidais cos que xa conta Galicia, en breve teranse que engadir dous espazos máis que se están a crear no que antigamente foron minas. Estes dous novos humidais, que co tempo quizais se chegen a convertir en referentes a nivel estatal e incluso internacional, están levantando, polo de agora, unha forte polémica ambiental e ecolóxica.

 

 

Trátase da mina de Meirama, en Cerceda, e da de As Pontes de García Rodríguez, dous espazos que se están a rexenerar para ubicar no seu lugar uns grandes lagos. A controversia que estas actuacións están a xenerar, sobre todo entre grupos ecoloxistas, fundaméntanse nos danos ecolóxicos que poderían causar polas propias labores de construcción e polas sustancias contaminantes que ese ecosistema artificial podería conter debido á anterior actividade desenvolta neses lugares.

 

 

 

Un exemplo das consecuencias que a construcción dos humidais artificais pode acarrear para os ecosistemas xa existentes na zona está na desecación dun tramo de máis de tres quilómetros do río Eume. Estas actuacións afectan así á biodiversidade ó non respetar o caudal ecolóxico dos cursos fluviais, afectando considerablemente á conservación de estes espazos naturais.

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios