Actualidade
UN PROXECTO DE INVESTIGACIÓN PON EN EVIDENCIA A NECESIDADE DE PROTECCIÓN DA ZONA MARIÑA COÑECIDA COMO “BANCO DE GALICIA”

Especies de alto valor para a biodiversidade, detectadas na primeira fase do estudo
Varias especies animais e vexetais, moitas en serio risco na costa oeste europea, comparten o ecosistema do denominado Banco de Galicia, un área mariña situada a uns 200 kilometros da costa e sobre a que non existen limitacións especiais nin protección específica que garanta a conservación do escosistema. Así se puxo de manifesto nas primeiras xornadas de estudo da zona que se están a desenvolver dentro do proxecto LIFE + INDEMARES, posto en marcha pola Fundación Biodiversidad, e que inclúe esta zona no seu traballo.
Entre as especies mariñas da zona destacan cetáceos como os delfín listado e mular, cachalote, zifio de Cuvier, zifio de Sowerby e tiburóns, ademáis de 20 especies distintas de aves, entre as que destacan as pardelas cincenta e pichoneta, fumarel común, págalos ou alcatraz. Nos traballos enmarcados neste proxecto detéctanse presencias tan salientables como o coral de profundidade Lophelia pertusa ou a raia Noriega, proposta como especie ameazada.
A biodiversidade mariña é unha das maiores riquezas galegas que, en gran medida, están aínda por descubrir. A gran variedade de fauna mariña, de aves e doutro tipo de especies que habitan estes ecosistemas fan de Galicia unha das zonas máis importantes a protexer para garantir a supervivencia da fauna e flora mariña que, en moitos casos, son especies en grave perigo de desaparecer.
A inclusión destes espazos na Rede Natura 2000 Mariña é un dos obxectivos que persegue o proxecto LIFE + INDEMARES, posto en marcha pola Fundación Biodiversidad, e que inclúe no seu plantexamento o estudo dunha zona mariña denominada Banco de Galicia que fai referencia a un gran monte submariño localizado a uns 200 km. ó oeste da costa galega.
O desenvolvemento da Rede Natura 2000 en España responde ó cumprimento das directivas europeas en materia de conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestre (92/43/CEE) e na relativa á conservación das aves silvestres (79/409/CEE). Por este motivo, a Fundación Biodiversidad, en declaracións a Galicia Ambiental, explica que o proxecto LIFE + INDEMARES está enmarcado dentro deste compromiso para completar a Rede Natura 2000 Mariña nun prazo determinado.
O proxecto inclúe dez áreas correspondentes a diferentes rexións do estado español, entre as que se inclúe o anteriormente citado Banco de Galicia, e que foron incluidas no estudo pola representación bioxegrófica que supoñen todas elas, así como pola presenza de estructuras submariñas de interese para a súa conservación e estudo, de especies ou hábitats ameazados e de áreas naturais ben conservadas en todos estes espazos.
Particularmente, no que se refire ó Banco de Galicia, a información da que se dispón é escasa pero os destacados índices de productividade e concentración de nutrintes fan pensar que se trata de ecosistemas cun alto nivel de biodiversidade, como explica Ignacio Torres, director de Estudios e Proxectos da Fundación Biodiversidad e director do Proxecto LIFE+ INDEMARES, en declaracións a Galicia Ambiental. Apunta que o descoñecemento deste espazo mariño galego e a potencialidade amosada en incursións anteriores foron os principias motivos que levaron á Fundación e ós seus socios no desenvolvemento deste proxecto a incluir o Banco de Galicia nos seus estudos.
As liñas básicas do estudo
Segundo explica Ignacio Torres, os estudos que xa se están a realizar en diferentes zonas das dez áreas incluidas no proxecto susténtanse en tres pilares básicos, aínda que a maior ou menor profundización en cada unha delas vai depender da información preexistente que se posúa. Coñecer os hábitats, as especies e as aves son as tres premisas básicas das que nos fala o director do proxecto. No caso do Banco de Galicia, ó igual que nas outras áreas de estudio que conforman o Proxecto INDEMARES, xa comenzaron as exploracións para coñecer estes tres aspectos.
Nesta zona, é o Instituto Español de Oceanografía (IEO) o encargado dos estudos que se van realizar sobre os primeiros dos tres pilares de INDEMARES, os hábitats. Debido ó pouco coñecemento que existe sobre o citado Banco de Galicia o plantexamento que se fai dende o IEO para abordar estas investigacións pasa pola realización dun estudo sobre a xeomorfoloxía dos fondos que axuden a identificar hábitats bioxénicos vulnerables, comunidades e especies asociadas, así como elaborar un modelo hidrodinámico e identificar o tipo e o grao de impacto das artes pesqueiras na zona.
Encanto ó coñecemento das especies que teñen presenza nesta zona costeira de Galicia, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) é a encargada da realización dos estudos sobre a abundancia e a distribución de cetáceos e tartarugas na zona, así como do impacto das pesqueirías neste espazo mariño.
A última das cuestións que tamén se analizará neste proxecto, o estudo das aves, será levado a cabo pola asociación SEO BirdLife, socio de referencia neste ámbito segundo aseguran dende a propia Fundación Biodiversidad. O desenvolvemento de diferentes censos, monitorización e outro tipo de estudos serán os que permitan determinar as diferentes especies de aves do Banco de Galicia.
Primeiras incursións na costa galega
O proxecto posto en marcha pola Fundación Biodiversidad comezou no mes de setembro deste pasado ano a realizar as primeiras exploracións en augas galegas. Segundo afirman dende este Organismo, o proxecto ten unha duración de cinco anos polo que se prevé que esté rematado a finais do 2013, aínda que as incursións nas diferentes áreas que o conforman poden rematar antes desta data, dependendo da información que se teña recavado ata o momento.
Na área correspondente ó Banco de Galicia, CEMMA é a encargada de realizar as campañas de observación. Segundo afirmou o director do Proxecto INDEMARES, a primeira incursión, levada a cabo entre os días 14 e 22 de dito mes, fíxose nunha zona a unhas 150 millas da costa galega, onde se recorreu toda a área mariña recollendo datos a cerca da abundancia de cetáceos e aves mariñas nesa franxa, así como de información acústica dos cetáceos.
Para elo, un equipo formado por dez persoas, desenvolveron as súas labores de observación dende o palangreiro Santiago Apóstolo, reconvertido en Aula Tecnolóxica Mariña pola Confraría de Pescadores de Celeiro, navegando un total de 706 km. seguindo uns transectos lineais predeseñados e sendo o total do tempo de muestreo de 74,36 horas. Ademais, na observación tamén se incluiron os 262,59 km. correspondentes ós traxectos de ida e volta ó Banco de Galicia.
Como resultado da primeira campaña de observación realizada por CEMMA no Banco de Galicia obtivéronse un total de 21 avistamentos de cetáceos, dos cales se obtivo tamén rexistro acústico dos delfínidos, conseguindo gravacións de silbidos e cliks que logo serán tratados. Durante estes percorridos, o grupo de observación puido avistar máis de 20 especies de aves mariñas.
Polo momento, esta é a única campaña realizada na área galega que se inclúe no Proxecto INDEMARES xa que, segundo explica Torres, os estudos que vai desenvolver o IEO aínda non deron comezo.
Aínda que polo momento é “moi pronto para ter resultados concluíntes sobre a zona de estudo, porque a análise dos datos extraídos durante as campañas levará aínda algún tempo”, di Ignacio Torres, “para ilustrar a importancia da zona basta botar unha ollada ós resultados obtidos na primeira incursión”. Entre os 21 avistamentos de cetáceos cabe resaltar a presenza de especies como o delfín listado (Stenella coeruleoalba), delfín mular (Tursiops truncatus), delfín común (Delphinus delphis), delfín gris (Grampus griseus), calderón común (Globicephala melas), cachalote (Physeter macrocephalus), rorcual común (Balaenoptera physalus), zifio de Cuvier (Ziphius cavirostris) ou zifio de Sowerby (Mesoplodon bidens). Ademais, entre os varios centos de avistamentos de aves que permitiron observar ata 20 especies distintas destacan algunhas como a pardela cincenta (Callonectris diomedea), pardela pichoneta (Puffinus puffinus), fumarel común (Chlidonias nigra), págalo grande (Stercorarius skua), págalo parásito (Stercorarius parasiticus), págalo pomarino (Stercorarius pomarinus) gaivota patiamarela (Larus cachinans), gaivota escura (Larus fuscus), paíño pechialbo (Pelagodroma marina), charrán común (Sterna hirundo), fulmar (Fulmarus glaciaris) ou alcatraz (Morus bassanus).
As conclusións que polo momento sacan dende a Fundación Biodiversidad desta primeira incursión é que o Banco de Galicia é un área cun alto índice de abundancia de cetáceos e aves, algunhas das cales se encontran incluidas nas Directivas Europeas como especies prioritarias para a súa protección, motivo polo que dende o Organismo encargado da elaboración deste proxecto se persegue a inclusión deste espazo na Rede Natura 2000 Mariña.
Obxectivos do proxecto INDEMARES
O proxecto LIFE+ INDEMARES, como explica o seu director, ten como principal obxectivo contribuir á protección e ó uso sostible da biodiversidade nos mares españois mediante a identificación de espazos de valor para a Rede Natura 2000. Neste senso, as actividades postas en marcha dentro do proxecto perseguen completar a identificación de dita rede en España, promover a participación de todas as partes implicadas na investigación, conservación e xestión, do mar e dos seus recursos, facendo partícipes do proxecto a todos os seus usuarios, dispor dunhas directrices de xestión e seguimento para os lugares propostos, sensibilizar á poboación sobre a importancia da conservación e do uso sostible da biodiversidade mariña e, finalmente, contribuir ó reforzamento dos Convenios internacionais sobre o mar que se aplican en España (OSPAR e Barcelona).
No caso particular do Banco de Galicia, e a pesar da importancia de estructuras como as súas montañas submariñas, que funcionan como unha illa no fondo dos océanos proporcionando un elevado número de microhábitats que albergan a unha gran variedade de especies de fauna, non se ten declarado ningunha figura de protección ata o de agora, como afirma Ignacio Torres. “Aínda que moitas especies de peixes e de cetáceos tenden a agregarse nas súas proximidades e as utilizan como áreas de alimentación e desove, actualmente, non hai regulacións específicas ou limitacións para ningún tipo de uso nesta área”, remata.
Unha das especies máis relevantes presentes no Banco de Galicia é o coral de profundidade Lophelia pertusa. Esta especie de augas frías e profundas, forma un ecosistema fráxil, cada vez menos presente nos fondos oceánicos, que “debe ser protexido das artes pesqueiras máis destructivas que o arrasan”, explica Torres. “Existe certo nivel de información sobre 86 especies de peixes asociadas ó Banco, de entre as que destacan 11 especies de tiburóns, incluido o tiburón carocho (Dalatias licha) e a raia Noriega (Raja batis), que foi proposta como especie ameazada polo convenio OSPAR para o Atlántico Noreste”.
Todos estes datos fannos conscientes da riqueza que gardan moitos dos lugares e espazos mariños da nosa comunidade e que, de non ser por proxectos como este, poderían desaparecer en pouco tempo. Dende a Fundación Biodiversidad traballan para que esto no suceda, contando coas figuras de protección existentes para estes efectos e conseguindo que áreas como o Banco de Galicia continúen sendo auténticos paraísos naturais.
FOTO: Delfines comunes (Delphinus delphis) ©CEMMA
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






