Actualidade
O INEGA IMPULSA A EFICIENCIA ENERXÉTICA NOS POLÍGONOS INDUSTRIAIS
O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez, e o presidente da Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), Luis Fernández Ruenes, veñen de asinar un convenio de colaboración polo que estes dous organismos levarán adiante un proxecto piloto consistente en potenciar a eficiencia enerxética nos polígonos industrias galegos.
Trátase dunha actuación de promoción do aforro e da eficiencia enerxética no sector empresarial que o Inega, dependente da Consellería de Economía e Industria, desenvolve en colaboración co IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía). Mediante esta iniciativa subvencionaranse, a fondo perdido, actuacións tendentes a incentivar o uso racional da enerxía nos parques empresariais englobados na devandita Federación, a única destas características existente en Galicia, que dá cabida a 24 entidades representativas de polígonos e que aglutinan a 40 parques empresariais, representando o 95% das asociacións de empresarios de Galicia.
O convenio, para o que o Inega achegará un total de 201.847,50 euros e Fegape os fondos adicionais necesarios para a súa execución, abrangue a implantación de medidas experimentais e pioneiras de aforro e eficiencia enerxética no sector empresarial que leven consigo unha alternativa limpa e racional no uso da enerxía. Trátase de medidas necesarias nun contexto desfavorable como o actual e que axudarán a unha mellora das condicións medioambientais.
Entre o abano de actuacións que contempla o convenio tendentes a incrementar o uso racional da enerxía nos polígonos industriais atópase a realización de auditorías enerxéticas en industrias. Así mesmo, a realización dun plan de mobilidade en catro polígonos industriais, elixidos a proposta de Fegape, constitúe outra das actuacións a desenvolver a través deste convenio. Este plan de transporte ten como pretensión cambiar o modo de desprazamento das persoas ó lugar de traballo, así como promover medios de transporte colectivos máis eficientes.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






