Actualidade
O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE PON EN EVIDENCIA AS PERDAS ECONÓMICAS DOS CONCELLOS POR SEPARAR MAL O LIXO
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, explicou onte que a redución e separación do lixo en orixe, ademais dunha necesidade, é unha importante arma para reducir o gasto nas arcas municipais, xa que unha adecuada xestión dos residuos en orixe poden aforrar aos concellos entre 5 e 10 millóns de euros ao ano. Hernández subliñou que, neste momento, dende o Executivo autonómico estase a traballar na concienciación dos cidadáns para que reciclen e separen axeitadamente, xa que Galicia atópase nesta materia por debaixo da media estatal, o que está a repercutir non só na materia ambiental, senón tamén en xestión e custes.
Así, no ano 2008 recolléronse en Galicia 37.729 Tm de vidro o que representa unha taxa per cápita de 13,6 Kg/hab fronte a 15,5 Kg/hab da media estatal; mais de 21.000 toneladas de envases lixeiros (9,2 Kg/hab en Galicia fronte a 10,2 media estatal) e 39.342 tm. de papel e cartón (17,3 Kg/hab fronte a 22,5 Kg/hab media estatal).
Isto significa un aforro total aos concellos de Galicia de 5,4 millóns de euros, si se ten en conta o resultado de multiplicar as Tm que non se envían a SOGAMA grazas ao Sistema Integrado de Xestión, polos 55 € que dita empresa pública cobra por cada tonelada tratada.
A esta cifra hai que engadirlle o custo de non ter recollido por parte dos concellos estas Tm, non transportalas ata a planta de transferencia, así como o custo de xestión en Cerceda destes residuos que terían tido que ser tratados como fracción resto.
Hernández incidiu en que estes aforros estanse a producir con taxas de separación que están moi por baixo da media nacional.
Como se pode observar a taxa de separación é aínda moi baixa e con valores diferentes nas catro provincias polo que, segundo o conselleiro, "se pode afirmar que se somos capaces de incrementar a separación en orixe non só conseguiremos mellorar o medio ambiente, senón que ademais acadaremos aforros substancialmente superiores ós 5 M€/ ano chegando incluso a 10 M €/ano de aforro na recollida de lixo, algo que repercutirá positivamente nos concellos".
CAMPAÑA "Reducir + Separar = Aforrar"
O responsable de Medio Ambiente do Goberno galego fixo estas declaracións no transcurso da presentación da campaña de concienciación e sensibilización ambiental que, baixo o lema "Reducir + Separar = Aforrar", conforma a nova edición de "Ti es peza que falta", iniciativa educativa a través da que a Xunta de Galicia e a Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA) coa que se pretende trasladar aos máis pequenos unha serie de consellos cos que contribuír á preservación do medio ambiente e dos recursos naturais. Hernández estivo acompañado polo presidente de SOGAMA, Luis Lamas, e polo secretario xeral de Calidade e Avaliación ambiental, Justo de Benito.
© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.
Diseño Novosmedios






