Galicia Ambiental. O portal de información ambiental de Galicia

Descobre Galicia

A Serra do Candán, no corazón de Galicia

Este espazo natural está situado no centro da nosa comunidade, entre as provincias de Pontevedra e Ourense, na coñecida como dorsal galega, abranguendo os concellos de Forcarei, Lalín e Silleda (na parte de Pontevedra) e os de Beariz e O Irixo (na vertente ourensá). Ademais de ser Lugar de Importancia Comunitaria, conta tamén coa denominación de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

 

Situado nunha área dominada polas montañas de media altura, a Serra do Candán a penas supera os 1.000 metros na súa altitude máxima pero é un dos picos máis destacados da zona. Nas súas ladeiras nacen importantes ríos galegos como o Lérez ou o Umia, así como outros de menor caudal que van a nutrir os cauces do Deza e do Ulla.

 

As matogueiras, uceiras, turbeiras e torgueiras, dominadas polo esfagno, son as principais especies vexetais deste espazo natural, xunto cos bosque aluviais residuais e as carballeiras de Quercus robur.

 

Entre a fauna, destacan as poboacións de especies de invertebrados como as lesmas, o cabalo do demo ou a vacaloura. Nos ríos, a boga e a vermella son os peixes máis abundantes. A Serra do Candán é tamén lugar de cría de avifauna nidificante escasa en Galicia como o bufo real e a curuxa das xunqueiras. Os morcegos, as lontras ou os lobos, que manteñen boas poboacións na zona, son os mamíferos con maior presenza nesta área central galega.

 

Ver: as diferentes rutas de sendeirismo que percorren o territorio que abrangue a Serra do Candán son unha das nosas principais recomendacións para coñecer este espazo natural en pleno corazón de Galicia. A través destes sendeiros poderemos achegarnos ata lugares con espléndidas vistas, como a cima de San Benito (a maior altitude da zona), que permite obter claras panorámicas das comarcas de Terra de Montes e de Deza. A antiga aldea de Grobas, no concello de Forcarei, situada nunha garganta formada polo río que leva o mesmo nome e en plena Serra do Candán, permitiranos achegarnos ata a forma de vida dos nosos antepasados a través da que fora unha típica poboación galega, hoxe abandonada. Outra das nosas recomendacións é a visita ó Mosteiro de Aciveiro, no mesmo municipio pontevedrés, considerado Monumento Histórico Artístico dende o ano 1931 e Ben de Interese Cultural. As numerosas áreas naturais e recreativas á beira dos ríos Lérez e Umia ou o observatorio astronómico, na capital do concello forcaricense, son outros dos atractivos desta comarca cun alto valor paisaxístico.

 

Chegar: a estrada que une Ourense e Pontevedra, lévanos ata o concello pontevedrés de Cerdedo e, dende alí, ata Forcarei. A outra vía de acceso é a estrada Lalín – Pontevedra, que atravesa a Serra por algunha das zonas de maior valor paisaxístico e etnográfico.

 

Comer: as carnes, tanto de porco como de especies cinexéticas, son o principal produto da gastronomía da zona en pratos típicos como a carne ó caldeiro ou a richada, que ten unha festa propia no concello de Forcarei. No capítulo dos postres destacan, por exemplo, as filloas ou as “orellas” de entroido.

 

Aloxamento: as casas de turismo rural contan cunha interesante oferta en concellos como o pontevedrés de Forcarei ou o ourensán de Beariz, que constitúen unha boa opción para facer noite preto da Serra e desfrutar das posibilidades de ocio que nos ofrece este espazo natural.


sombra
  Página de enlace con la sección de opinión Galicia Ambiental en El Correo Gallego

Histórico

sombra
As Illas Sisargas, santuario galego das gaivotas
Os Ancares, natureza e usos tradicionais na súa máxima expresión
Fisterra, o extremo máis occidental da Península Ibérica
Valdoviño, conxunción perfecta de area e auga
A comarca da Limia, unha zona única para as aves
O Canón do Sil, a beleza dun curso fluvial
Complexo Intermareal Umia-O Grove, nido das aves acuáticas en Galicia
O Bidueiral de Montederramo, exemplo de conservación en Galicia
Río Eo, Oscos e Terras de Burón, o encanto dun curso fluvial
A Serra do Faro, as máis fermosas vistas do interior galego
Corrubedo, as dunas galegas por excelencia
Serra do Suído, espiña dorsal da comunidade galega
O Souto da Retorta, os eucaliptos máis grandes de Europa
O Monte Pindo, o “vixía” da ría de Corcubión
A Serra de Meira, o nacemento do Miño
Sobreirais do Arnego, o encanto dun curso fluvial
Enciña da Lastra, o bosque mediterráneo de Galicia
O Monte Aloia, reserva natural para os anfibios galegos
Pena Trevinca, o pico máis alto de Galicia
A Illa de Ons, mestura máxica de terra e mar
O Xurés, terra de termas e romanos
A Serra do Invernadeiro, un tesouro ecolóxico
A Serra da Capelada, os acantilados máis altos da Península
O Courel, a montaña galega en estado puro
Fraga de Catasós, en terra de pazos e castiñeiros
A Costa de Dexo, monumento natural galego
A Serra de San Mamede, o miradoiro ourensán
As Fragas do Eume, o outro bosque animado

 

© Galicia Ambiental, 2010. Todos os Dereitos Reservados.

Deseño&desarrollo: Novosmedios