IdiomaEcoboletinAxencia prensaQuienes somos

Auga

O PROBLEMA DAS INFRAESTRUCTURAS DE SANEAMENTO EN GALICIA

As principais cidades galegas contan con depuradoras colapsadas que seguen vertendo a ríos e mares

 

O saneamento das augas, a construcción de depuradoras e colectores e a eliminación de verquidos contaminantes de augas residuais a ríos e mares é un tema pendente de solución en Galicia dende hai moito tempo. As depuradoras e o seu correcto funcionamento é un dos puntos clave da cuestión e no que nos próximos meses se podería avanzar de forma significativa.

 

Ano tras ano, dende hai xa tempo, véñense anunciando sucesivas inversións en saneamento, construcción de depuradoras e tratamentos de augas residuais. Falamos de fortes inversións que na realidade non se plasman en proxectos viables e fructíferos que poñan fin ó problema da nosa comunidade. No ano 2006, Galicia necesitaba levar a cabo a construcción de máis de 20 depuradoras en todo o seu territorio para poder cumprir a normativa europea en materia de auga, o que requería unha forte inversión por parte das administracións públicas. Tres anos despois, moitos dos lugares sinalados naquela data como prioritarios aínda seguen a voltas co problema do saneamento das súas augas residuais e os colectores necesarios para solucionar o problema seguen sen estar en uso.

 

As orixes do problema

 

Os verquidos de augas residuais a ríos e rías, contaminando os cursos fluviais e os mares, coas conseguintes consecuencias para a vida da flora e a fauna fluvial e mariña de nosa comunidade é un problema que ven de moi atrás. A principal dificultade dase nas grandes cidades galegas, das que Vigo e A Coruña son un claro exemplo, que trasladan ó mar ou ós ríos a maioría das súas augas residuais sen depurar.

 

O problema ven de lonxe. As primeiras depuradoras que se instalaron en diferentes poboacións galegas durante os primeiros anos de goberno autonómico estaban deseñadas para facer fronte ós rexeitamentos da poboación existente naquel momento. Estas estacións non foron ideadas como proxectos de futuro e non tiveron en conta o aumento do censo nos anos seguintes sen estar adaptadas, polo tanto, a unha maior cantidade de auga a tratar.

 

O problema fíxose evidente sobre todo nas cidades costeiras, xa que a franxa occidental galega é a que rexistrou unha maior crecida da poboación nas últimas décadas, co conseguinte desbordamento das depuradoras que se viron saturadas ante o gran caudal de auga que tiveron que tratar, quedando inoperativas para a función para a que foran deseñadas. Trátase dun mal dimensionamento das depuradoras, con procesos que non se axustan ó tipo de efluente e con caudais de cálculo inferiores ós que realmente chegan ás depuradoras.

 

Pero a este contratempo hai que sumar outros que fan que o saneamento de augas residuais en Galicia esté moi lonxe dos parámetros marcados pola Unión Europea en materia de auga. O mal mantemento das Edar por parte de moitos concellos que non contemplaban a obriga de depurar as augas antes de vertelas; a súa mala xestión, como consecuencia da falta de persoal especializado; a existencia de conexións de industrias que distorsionan o funcionamento e producen alteracións no proceso ou a existencia de redes de alcantarillado e colectores defectuosos, con aportación de augas de escorrentía que incrementan notablemente o caudal e os costes de explotación (especialmente nos bombeos). Este fenómeno agrávase nas zonas costeiras onde hai que sumar tamén a entrada de auga de mar.

 

A situación actual

A principios do presente ano, a Consellería de Medio Ambiente tiña en construcción corenta depuradoras ó longo de toda a xeografía galega co obxectivo de lograr o saneamento integral das rías e o cumprimento da normativa europea que esixe que todas as localidades con máis de 2.000 habitantes teñan unha EDAR. O prazo que ten a comunidade para adaptarse á normativa de calidade europea marca como data límite o ano 2015.

 

Así, o Plan de Saneamento de Galicia 2005-2009 contemplaba o ano 2011 como data fixada para o completo saneamento integral das augas galegas. Dende o ano 2005 invertíronse máis de 800 millóns de euros neste apartado sen que o problema mellorase sustancialmente, sobre todo nas zonas e poboacións do litoral, onde os verquidos contaminantes ás rías seguen a ser unha constante. A construcción de novas estacións depuradoras e de inversións para a mellora de outras xa en funcionamento foi constante nos últimos catro anos e, aínda que a situación parece que rexistrou unha leve mellaría, seguen existindo casos escandalosos como o da ría coruñesa de O Burgo no que se adiantou máis ben pouco.

 

Pero non só A Coruña ten estes problemas de saneamento e contaminación nas augas do seu estuario. Das principais cidades costeiras de Galicia, só Pontevedra conta nestes momentos cun sistema completo de tratamento de augas residuais que funciona correctamente. No polo oposto están Ferrol ou Vigo, que seguen vertindo e contaminando as augas costeiras mentres que un problema tras outro vai retrasando a posta en marcha das EDAR necesarias para o rexeneramento das súas rías. Nas urbes do interior outro tanto do mesmo; o saneamento das augas segue a ser unha asignatura pendente.

 

A Coruña. A depuradora e o emisario necesarios na cidade herculina para rexenerar a ría de O Burgo son proxectos que foron plantexados xa a finais da década dos 90. As instalacións de Bens tiveron un primeiro plantexamento en 1999 pero a súa licitación data de 2004, baixo unha financiación do 85% procedente de fondos europeos  e o 15% da Xunta de Galicia. O proxecto definitivo aprobouse en xuño de 2006, con inicio nese mesmo outono e cun prazo de execución de 26 meses. Esta estación dará servizo ós concellos de A Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Arteixo, que suman uns 375.000 habitantes, pero as instalacións están pensadas para tratar os rexeitamentos e augas residuais de 600.000 habitantes. Sen embargo, non será ata o próximo ano (segundo as previsións oficiais) cando a comarca coruñesa a poida ver en funcionamento para intentar poñer freo á situación ambiental actual da ría de O Burgo, convertida case nunha cloaca cuns dos índices de contaminación máis altos do litoral.

 

Ferrol. Ferrol era e segue a ser un dos casos máis graves de contaminación e saneamento de augas. A cidade non conta con ningún sistema de depuración e segue vertendo directamente os seus rexeitamentos ás augas da ría. A día de hoxe, seguen as obras de construcción da depuradora ferrolá pero dende a Consellería que está previsto que comece a funcionar na primavera de 2010, aínda que nas últimas semanas xa se apuntaba a posibles retrasos nos traballos de execución da estación de Cabo Prioriño, que dará servizo tamén ós concellos de Fene e Neda.

 

Vigo. O caso de Vigo está nunha fase parecida; as contínuas polémicas e os retrasos de financiamento da que ía ser a maior obra de inversión en saneamento integral da comunidade galega aínda non permiten establecer cando comezará a funcionar. Hai xa máis de catro anos que se comezou a falar desta obra pero dende entón só se acumulan retrasos que poñen en perigo a situación ambiental da ría e que poderían derivar nunha multa de máis de 20 millóns de euros por incumprimento da normativa europea. As trifulcas entre Xunta e Ministerio de Medio Ambiente pola financiación da obra fan imposible coñecer, de momento, o futuro da nova depuradora. Polo de agora, a EDAR actual, a de Lagares, segue provocando continuos vertidos á ría.

 

Pontevedra. É unha das cidades que conta con mellores infraestructuras neste ámbito. Sen embargo, e coas previsións de que a EDAR actual se quede pequena, estase a negociar a ampliación destas instalacións entre varios municipios da zona. As previsións apuntan ó ano 2013 como data de funcionamento para a nova estación depuradora pontevedresa.

 

Lugo. A capital da provincia lucense contará con nova depuradora no verán de 2010 e terá capacidade para tratar as augas residuais dunha poboación futura de 200.000 habitantes, segundo sinalaron fontes municipais. Ademais, Lugo porá en marcha nese mesmo ano un sitema pioneiro da rede de saneamento polo que se poderá reutilizar o 20% das augas residuais, unha vez recicladas, para a rega de xardíns, zonas verdes ou lavado de rúas e vehículos municipais.

 

Santiago. A capital galega non é unha excepción en canto a saneamento e as actuais instalacións quédanse pequenas. O propio concello recoñece que a EDAR está ó borde do colapso en moitas ocasións e que incluso durante o tempo seco xa son superados os caudais máximos que pode tratar. A nova estación depuradora de Compostela aínda non ten prazo de execución e prevese que saia a concurso antes de que finalice este ano.

 

Ourense. A polémica na cidade das Burgas xurdiu coa sentencia xudicial que ordenaba parar a actividade da actual depuradora. Sen embargo, a EDAR segue a funcionar mentres que a nova estación depuradora non esté lista. O ano 2015 é a data sinalada para que comecen a funcionar as novas instalacións.

 

Mentres que este é o panorama nas grandes cidades, a situación no rural non é moito máis alentadora. O funcionamento das redes de saneamento en pobos e aldeas das catro provincias galegas é, na maioría dos casos, deficiente e noutros incluso inexistente. O gran reto que teñen por diante as administracións, tanto locais como autonómica, é a de construir dunha vez por todas redes de saneamento axeitadas ás características de cada lugar e plenamente eficaces que axuden a solucionar o problema de contaminación que sufren tanto os ríos como os mares galegos.

 

© Galicia Ambiental, 2009. Todos los Derechos Reservados.

Diseño Novosmedios